O Pindo arde con 630 especies naturais sen apagar o berro de anos que pedía a súa protección

Un cumio de 627 metros presidindo o mar de Carnota, con 630 especies naturais identificadas, grande riqueza xeolóxica, e unha manchea de mitos e historias que fan del un espazo especialmente literario. A Asociación Monte Pindo pedía con urxencia protección para un monte hoxe arrasado polo lume. 

Lirio do monte, (Foto AMPPN)
photo_camera Lirio do monte, (Foto AMPPN)

O secretario da asociación Monte Pindo valora que o incendio é un “golpe moi duro para a diversidade do monte e vai custar moito revertilo, se é que é posíbel”. Con case a totalidade do monte ardido, Mario Maceiras se apresura a lembrar unha dobre denuncia, a primeira que a Xunta “non escoitou a demanda cidadá, veciñal, partida desta localidade mais co apoio de formacións ecoloxistas e políticas, entidades e particulares que reclamaban a condición de Parque Natural e a súa partida económica para atallar os problemas do monte”.

A condición de Parque implicaría a existencia dun organismo rector e un servizo de gardas que, ao seu ver, terían impedido un incendio de tal consideración. Por outra banda lembra a resposta continuada do conselleiro Agustín Hernández diante da súa reclamación xustificando que no Pindo se investían 300.000 euros. “Queremos saber onde se gastaron eses cartos e pediremos responsabilidades políticas pola destrución do monte” sinala Mario Maceiras. 

Neste mesmo mes de agosto a Asociación Monte Pindo Parque Natural facía público o Catálogo de Especies do Monte Pindo no que identificaban un total de 630 especies de flora, fauna e fungos radicadas no monte e o seu entorno. Medio cento delas en perigo de extinción ou mesmo xa consideradas desaparecidas que se mantiñan en exclusividade no monte. A Asociación tiña previsto elaborar unha aplicación para móbiles co fin de que as especies se puidesen recoñecer nas visitas ao monte. 

Tres anos de reclamacións 

A aparición do lirio do monte, do que só se localizaran exemplares no Xurés ou no Courel ou da cabriña ou fento do carballo que atopara o presidente de CEMMA, Alfredo López, recentemente contribuíran para achegar novos argumentos á esixencia da súa protección. “Por se non sobraran xa os motivos, a presenza de especies en perigo de extinción ou protexidas no Olimpo Celta obriga a adoptar medidas que garantan a súa conservación e supervivencia”, dicían neste verán desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural.

A AMPPN levaba tres anos reclamando a condición de Parque Natural para o Monte Pindo por ser un monte mítico e histórico, con raras calidades xeolóxicas, especies naturais únicas e un conxunto de mitos e historias que fan del un espazo especialmente literario. Neste mesmo ano, Miro Villar e Fernández Naval conseguían que máis de medio cento de escritores e escritoras elaborasen textos dedicados ao coñecido como o Olimpo galego. A enerxía, a forza telúrica e a inmensa paisaxe do Pindo tornábase literaria nun proxecto que se esgotou a través dunha plataforma colaborativa antes de ser publicado. 

A AMPPN levaba tres anos reclamando a condición de Parque Natural para o Monte Pindo por ser un monte mítico e histórico

“Na actualidade o Monte Pindo e o seu entorno natural está abandonado e abocado ao progresivo deterioro. As ameazas (incendios, vandalismo, campismo agresivo, incursións en vehículos motorizados...) medran cada día, polo que se fai apremiante actuar sen perder máis tempo”, sinalaban desde a asociación ao defenderen a urxencia de o declarar Parque Natural, o primeiro da Costa da Morte. 

Coto de caza do PP 

Hai dous anos, a AMPPN denunciaba que no 2007 o PP de Carnota pretendía converter o Monte Pindo nun couto de caza maior, polo que as visitas serían restrinxidas só a uns días. 

Comentarios