Pilar Rojo manda investigar @s estafad@s das preferentes que protestaron no Parlamento

A presidenta da Cámara encargou sendos informes aos servizos xurídicos e de seguridade. Pola súa banda, Feijóo considerou "graves" os reproches lanzados polas persoas que se manifestaron e arremeteu contra PSOE, BNG e AGE polo apoio que lles mostraron
photo_camera Pilar Rojo e Núñez Feijóo [SG]


A protesta que afectad@s pola estafa das participacións preferentes protagonizaron no Parlamento galego esta cuarta feira, aproveitando a sesión plenaria da Cámara, provocou un fondo rexeitamento nas filas do PP.

Namentres o presidente da formación conservadora e do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, arremeteu contra @s manifestantes polos "insultos e ameazas graves" e contra os tres partidos da oposición --PSOE, AGE e BNG-- polo "inxustificábel" apoio que lles mostraron, estafad@s refusan falar coa imprensa porque alguén @s informou de que "buscarán os nosos papeis para que non vaiamos á arbitraxe", sinalou L.S., unha das afectadas que fixo parte da protesta no Hórreo.

Pola súa banda, segundo informa esta sexta feira a prensa española, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, encargou aos servizos xurídicos e de seguridade sendos informes sobre o acontecido. As protestas obrigaron a suspender o pleno, polo que Rojo propúxose evitar que feitos coma este, "sen precedentes na historia da institución, se volvan repetir. Após seren expulsad@s da Cámara, @s manifestantes foron identificad@s pola policía, tal e como el@s propi@s explicaron a este xornal.

"Os deputados estamos para representar o pobo, non para aproveitarnos da súa dor", dixo Feijóo, quen se valeu do acontecido para advertirlles ás persoas estafadas que non deberan "esquecer onde están os seus aliados, que non son os que permitiron a comercialización cando gobernaban, senon os que xa resolveron máis de 10 mil casos", en referencia ás arbitraxes tramitadas.

Porén, o argumento do PP non convence, pois @s afectad@s quéixanse de que antes das eleccións do 21-O entrasen pola volta de vinte casos e agora se reducisen a tres. Cómpre lembrar que aínda con 10 mil familias que recuperaron o invertido, quedan outras 90 mil que terían que renunciar ao 40% do diñeiro e mercar accións non cotizantes da entidade que lles vendeu as participacións. Máis da metade d@s afectad@s na Galiza foron estafad@s por Novagalicia Banco.

Comentarios