Piden que se investigue a fractura dunha man do músico Roi Vázquez nunha acción policial


O BNG e Candidatura do Povo solicitan que se investigue a actuación policial que se saldo cunha grave lesión do músico Roi Vázquez en Compostela. Sofreu fracturas na man, a consecuencia das cales perderá un 30% da mobilidade.
Roi Vázquez
photo_camera Roi Vázquez

O grupo municipal do BNG vén de demandar unha investigación arredor da actuación policial pola que resultou agredido o músico Roi Vázquez na noite do 10 de xaneiro. Reclama tamén que se depuren as responsabilidades ás que houber lugar. O grupo municipal considera grave que un músico como Roi Vázquez “teña que deixar de exercer o seu traballo logo das fracturas producidas, supostamente, por un membro da Policía local de Santiago de Compostela”.

Pola súa banda, a Candidatura do Povo ofreceuse a Roi Vázquez para facilitarlle os trámites legais e xudiciais encamiñados a localizar e identificar os policias e fixar as consecuencias xudiciais que decorran dos feitos.

Roi Vázquez explicou a este xornal que na noite do día 10 foi agredido pola Policía municipal a raíz do que resultou con fractura en distintas partes da man e cunha perda de mobilidade do 30% que, ao dicir dos médicos, pode ser para toda a vida. O músico -coñecido por facer parte da Banda das Crechas e acompañar músicos como Narf, Budiño ou Uxía- non poderá tocar nos próximos catro meses e as lesións dificultarán tamén o seu traballo como luthier. Roi Vázquez é un coñecido multriinstrumentista cunha formación ampla no mundo musical e un grande prestixio profesional. O taboleiro do facebook do músico encheuse de apoios nada máis se coñecer a noticia.

Comentarios