Piden a demisión do Valedor polo apoio partidario a Feijóo no caso das fotos co narcotraficante

O Observatorio de Esculca remitiulle ao Valedor do Pobo, José Julio Fernández, un escrito no que reclaman a súa demisión por tomar partido en declaracións públicas a favor de Feijóo no caso das fotos co narcotraficante. 

Co fin de “salvagardar o prestixio da institución”, Esculca reclámalle ao Valedor a demisión ao ter conculcado o mandato de imparcialidade que recolle a lei da súa creación. 

“O Sr. Fernández comprometeu gravemente a súa obrigada imparcialidade institucional ao sinalar, como Valedor, que determinadas imaxes fotográficas publicadas do Sr. Presidente da Xunta de Galiza, que centran o debate partidario nestas datas, carecen de interese informativo, o que só pode ser interpretado como  unha mostra de apoio a unha opción política concreta” recollen no comunicado. 

Esculca chama a atención arredor da disponibilidade do Valedor para a intervención neste tema público cando garda silencio noutros asuntos que terían que ser da súa competencia, en especial, referidos aos dereitos fundamentais. Citan a omisión no caso da presa Noelia Cotelo, da dispersión penitenciaria ou a falta de identificación dos policías, entre outros relatorios remitidos pola propia entidade á institución que preside José Julio Fernández. Temas sobre os que o Valedor nin actuou nin opinou nos medios de comunicación “como fixo de xeito solícito no caso das fotografías publicadas pola prensa en que o presidente da Xunta aparece xunto ao coñecido narcotraficante Marcial Dorado”. 

Por todo isto, o Observatorio de Esculca reclama que o Valedor presente a súa demisión perante a Presidencia do Parlamento co fin de “garantir a imparcialidade da Institución, cuestionada pola súa actuación individual persoal”. 

Comentarios