O persoal de Povisa maniféstase na praia de Samil a cinco días da folga

Un abrazo a Samil, o populoso areal de Vigo que xunta en agosto a milleiros de persoas, foi a nova mobilización que o persoal de Povisa desenvolveu para denunciar a imposición por parte da empresa dunha redución drástica das condicións laborais. Para o día 19 está prevista a xornada de folga. Vídeo no interior

Persoal de Povisa en Samil
photo_camera Persoal de Povisa en Samil

O persoal de Povisa entende que é imprescindíbel informar á cidadanía do conflito polo que están a pasar e, para iso, a praia de Samil en pleno agosto é un lugar acaído para que milleiros de persoas de Vigo e a comarcan saiban de primeira man da situación. Cinco días antes do día 19 de agosto marcado para a folga, as mobilizacións chegaron ao areal máis populoso de Vigo coa acción que denominaron “abrazo a Samil” 

Despois da grande pegada de cartaces polas rúas de Vigo e máis a manifestación da segunda feira arredor do hospital, a camiñada pola praia de Samil deixa á vista que o persoal non parará coas súas mobilizacións até conseguiren que a empresa desista de impoñer as condicións que anunciou e que supón entre un 40 e un 52% de rebaixas salariais. 

A manifestación trasladouse á praia na que un grupo amplo do persoal informaron da ruptura de negociacións para un novo convenio entre os sindicatos e a patronal, que teima en impor a drástica redución de condicións salariais e dereitos consolidados, apoiándose na reforma laboral pola que, ao non haber acordo,  impón o convenio provincial de maneira unilateral. 

O comité de empresa manifesta tamén que a empresa está a empregar distintas manobras co fin de impedir a realizaciónd a folga e rachar cos servizos mínimos pactados, situación que foi denunciada diante a Inspección de Traballo.

O conflito laboral está a supor grandes inconvintes ás persoas que están asignadas a Povisa e xa a semana pasada 8,000 sinaturas foron entregadas no Valedor do Povo. O comité de empresa esixen ao Sergas e á Consellaría de Sanidade que se impliquen e traten de resolver a situación xa que son as principais sufragadoras do complexo hospitalario. 

Comentarios