O perito apunta a responsabilidade do Estado: con ERTMS non tería habido accidente

O Adif modificou en xullo de 2010 o proxecto orixinario da mal chamada alta velocidade galega. Esa decisión trouxo como consecuencia que a infraestrutura ERTMS non chegase á estación de Santiago de Compostela. A súa ausencia na curva de A Grandeira foi determinante na traxedia de Angrois, saldada con 79 mortes.


As conclusións que se tiran do informe realizado polo perito xudicial César Mariñas Dávila, nomeado polo instrutor do caso, Luís Aláez, son demoledoras e apuntan con claridade as responsabilidades da Adif na xénese da catástrofe. En realidade, fornecen de novos argumentos ao xuíz, quen xa ten achado indicios de imprudencia puníbel na compañía estatal, a titular dos camiños de ferro.

Foi Adif quen tomou a decisión de non colocar o ERTMS nos últimos quilómetros antes de chegar a Santiago. O ERTMS é un sistema de seguranza que tería freado a máquina -o Alvia- e evitado que o despiste do maquinista, un erro humano, resultase nunha traxedia.

No seu informe, Mariñas Dávila chega a escreber: “De se ter despregado a infraestrutura ERTMS de vía necesaria para poder operar baixo a supervisión completa do ETCS nível 1 até a mesma estación de Santiago, tal e como estaba previsto no proxecto orixinario, e operando dese xeito, o accidente non se tería producido”.

O perito denuncia que o accidente se produciu “nos únicos 87 quilómetros dos arredor de 3.000 da rede de alta velocidade española que non contan con ancho de vía internacional”.

Esta conclusión do perito deita nova luz sobre as responsabilidades do Estado no terreno xudicial, mais tamén no político. En xullo de 2010 o ministro de Fomento era José Blanco, integrante da candidatura do PSOE ao Parlamento europeu. Portavoces das vítimas de Angrois teñen demandado ao PSOE que exclúa o ex ministro da súa listaxe a Bruxelas. O discurso de Blanco a este respeito non se move de dous parámetros. Primeiro, desviar as responsabilidades aos cargos técnicos do Ministerio. Segundo, afirmar que a única decisión que tomou como ministro foi a de impulsar a alta velocidade na Galiza.

No seu informe, ao que tivo acceso a axencia Europa Press, o perito denuncia que o traxecto no que se produciu o sinistro está xusto “nos únicos 87 quilómetros dos arredor de 3.000 da rede de alta velocidade española que non contan con ancho de vía internacional”.

Comentarios