Patricia Carnota: “Aínda hai xente que está a descubrir agora que ten cartos en preferentes”

Unha boa parte da súa familia está afectada pola estafa. Sen ela o saber, os aforros de Patricia Carnota -mesmo a indemnización por despido- foron dar en preferentes e subordinadas e só soubo que estaba afectada cando no fin do 2011 precisou dos cartos e quixo recuperalos. Agora é unha das persoas máis activas da plataforma de persoas afectadas de Compostela. 

Patricia Carnota
photo_camera Patricia Carnota

-Como decidiu poñer os seus cartos en accións preferentes?

Eu non decidín. Cada vez que tiña algún aforro chamaba á persoa de confianza e pedíalle consello. Dicíalle que quería unha especie de prazo fixo, e que o puidera sacar cando o necesitara. Esa persoa xestionou os cartos confirmándome que si, que os podía retirar cando quixera. Xogou cos meus cartos tanto en preferentes como en subordinadas. Nunca desconfiei nada. Xa nin ía á sucursal. Unha grande parte da miña familia está metida, sen saber ninguén o que estabamos a facer. 

-Metía todos os seus aforros?

Todo. Mesmo unha vez que me deron unha indemnización por despido dunha empresa na que levaba traballando sete anos metín alí todos os cartos. Foi xa nas últimas emisións, cando xa o tema estaba en pleno auxe. Despois souben do roubo, da estafa, mais nunca pola persoa de confianza que me vende. Estaban saíndo nos medios de comunicación e aínda se estaban a comercializar os produtos. Por lei, a partir do 2007 había que asinar un cuestionario de idoneidade e eu seguín metendo en 2010 e nunca asinei nada. Nin tiña información de para onde ían os meus cartos nin a data de vencimento. Segundo o FROB tíñase que dar esa información mais nós non sabíamos se vencía en 2050 ou era a perpetuidade. 

-Vai ir á arbitraxe?

Irei se son chamada, porque entre preferentes e subordinadas teño arredor de 10.000 e a arbitraxe é para menos de 10.000 segundo o criterio que disque están a aplicar agora. Queren sacar teoricamente a 20.000 persoas afectadas, unha limpeza de imaxe porque o conflito estáselles a ir das mans. Na miña familia están a valorar todos ir por vía xudicial se non son chamados á arbitraxe. Eu non son inversora, nunca me preocupei polos xuros. 

-Como se decata de que vostede está afectada?

Quixen facer unha viaxe en decembro de 2011 e fun á entidade bancaria cando xa estaba feita a fusión -eu metera en Caixanova- e xa me dixeron que non os podía sacar. A persoa de confianza díxome que ela me deixaba os cartos a título persoal mais non me dixo a razón para que non os puidera mover. Cando xa se anunciara o roubo volvín preguntar e aínda mo negaron. Decidín ir a outra sucursal da entidade e foi cando souben que tamén era afectada. 

-Comezou entón a participar nas mobilizacións?

Comezo a mirar por internet e atopei as plataformas. A de Santiago estaba constituíndose, agregueinos ao facebook e recibín unha comunicación de reunión. Asistín e funme metendo. Agora que quedei no paro podo implicarme máis. Fun varias veces ao Congreso dos Deputados en Madrid, e fun testemuña directa de como o PP votou a favor da lei que legaliza a estafa e participo en todas as mobilizacións. Por defender esta estafa masiva xa me anunciaron que me ían chegar multas ou penalización por estar nos actos. 

"A xente maior que ten alí os aforros da súa vida, xente emigrante e mariñeira que están xubilados, estano a pasar moi mal".


-Que se atopa naquel primeiro contacto coa plataforma?

Xente perdida. Hai términos que non entendemos aínda hoxe. Xente representando a pais maiores, herdeiros de persoas que morreron.. Atopamos mesmo casos de avogados e economistas afectados, para que logo digan que as persoas formadas non mercaran. O que temos en común e que todos somos analfabetos en temas bancarios. Tamén hai persoas que non asinaron nada, que non hai documento algún da compra. E xente moi desesperada. 

-O tempo non foi calmando a tensión?

Cada vez é maior. Temos persoas afectadas polos nervios, tomando medicación. Hai quen está evitando ir a tanta xuntanza e actos porque están preocupados pola saúde. A xente maior que ten alí os aforros da súa vida, xente emigrante e mariñeira que están xubilados, estano a pasar moi mal. A día de hoxe aínda hai persoas que se están enterando de que son afectadas, cando as chaman para asinar a quita e o canxe ou cando presentan a declaración da renda. 

-A vostede chamárona da entidade nalgún momento?

Aínda onte para asinar a quita e eu dixen que non e ademais mostrei o malestar porque só nos chaman agora e non cando se deron conta de que negociaran con produtos tóxicos, híbridos. Nunca nos chamaron, mesmo cando vían que os nosos aforros estaban correndo perigo. Agora chámanos para asinar canto antes a quita e a canxe. Tiveron oportunidade de salvar a moita xente e non o fixeron. 

"Calculamos que quedan arredor de 60.000 que aínda non recuperaron os seus aforros"

-Até cando vai durar a súa loita?

Desde a plataforma pretendemos seguir ata que todos recuperemos o cen por cen dos aforros. Este é o noso obxectivo final. E non nos vale quita nin canxe. Non somos inversores, somos aforradores. Ainda que se dí que o 17 de xuño  remata o prazo de recibir solicitudes de arbitraxe, nós seguiremos reivindicando que este prazo se amplie porque aínda queda moita xente sen ter presentada a solicitude por non saber a día de hoxe que teñen este producto. Ademais calculamos que quedan arredor de 60.000 que aínda non recuperaron os seus aforros, co mesmo perfil de outros que foron chamados á vía da arbitraxe. Se agora o criterio é chamar aos de menos de 10.000 €, cal é o criterio que estiveron a aplicar ata agora?

-Agora dirixen as súas mobilizacións cara ás institucións, a quen responsabilizan?

O responsable é o goberno do PP por aprobar leis que en lugar de apoiar aos estafados, legalizaron o roubo, e cos nosos cartos rescatan á banca. O propio Parlamento europeo aclarou que non pon límites á arbitraxe e que é o goberno do estado o que nos ten que dar unha solución aos estafados. Que De Guindos colla a totalidade do rescate bancario e non tente solucionar a crise a nosa costa. Que saquen os cartos de impostos da xente que ten grandes fortunas e que non rouben ás persoas que están a sufrir por perder os seus aforros. Os responsábeis son o FROB xa que NGB está nacionalizado. E hai moita xente do PP que se sinte traizoada. Incluso o outro día varias persoas romperon os seus carnets en público ao sairen do pleno de Santiago ao ver que o alcalde non se puxo do lado dos estafados. 

Comentarios