Paso adiante para unha nova ilegalización dos concertos en centros que segregan por sexo

O Tribunal Supremo vén de admitir a trámite o recurso de casación presentado pola CIG-Ensino contra a sentenza do TSXG que declaraba legais os concertos educativos da Xunta en centros que segregan o alumnado por sexo. Esixen do novo conselleiro a devolución dos 12 millóns entregados “ilegalmente” e a definitiva retirada dos concertos. 

O Tribunal Supremo abre as portas a unha nova ilegalización dos concertos educativos con centros que segregan por xénero ao admitir a trámite o recurso de casación presentado pola CIG-Ensino contra a sentenza do TSXG. 

Como precedente fan constar o fallo do Tribunal Supremo a favor do recurso presentado pola CIG Ensino contra os concertos outorgados a este tipo de centros entre os anos 2009-2013 polo que agora agardan que, coa xurisprudencia existente, volvan darlle a razón e declare ilegais os concertos do ano 2013 ao 2017. “Mais, o combate da CIG-Ensino contra estes concertos educativos retrógrados e contrarios a un ensino coeducativo non vai parar até que se derogue a LOMCE que pretende darlle cobertura legal”, explican. 

Devolución dos cartos e retirada definitiva

“A sentenza que ditou o TSXG utilizou como única argumentación xurídica a Lei 17/2012 do 27 de decembro dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, normativa de rango xurídico inferior á LOE que era a lei vixente no momento en que se concederon os concertos no ano 2012”, explican desde a CIG-Ensino da argumentación coa que prepararon o recurso de casación agora admitido.

Reclaman tamén do novo Conselleiro de Educación que se reintegren os 12 millóns entregados “ilegalmente” a estes centros no período 2009-2013 e que se retiren definitivamente os concertos que, segundo o sindicato nacionalista, “perpetúan unha educación sexista e contraria á igualdade de xénero”. 

Comentarios