"Os partidos estatais non están interesados en que se investigue a fondo a traxedia de Angrois"

O aparecimento dun informe do xefe de maquinistas de Ourense en que se alertaba sobre a deficiente seguranza no tramo en que se produciu a traxedia de Angrois, saldada con 79 vítimas mortais, volta a colocar as responsabilidades políticas no primeiro plano deste asunto. BNG e AGE piden outravolta que se constitúa unha Comisión de Investigación no Parlamento galego.

Accidente tren Angrois
photo_camera O sinistro saldouse con 79 vítimas mortais

"Os partidos estatais non están interesados en que se investigue a fondo a traxedia de Angrois", manifestou esta sexta feira o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera.

Aliás, o parlamentar nacionalista considera que a constitución desa comisión é hoxe máis pertinente do que nunca, após transcender que existía un informe previo á traxedia que advertía sobre a inexistencia de medidas de seguranza que permitisen evitar que un erro humano, tal e como aconteceu, virase nunha catástrofe.

"Que se constitúa a comisión de investigación sería a principal homenaxe que lle poderíamos render ás vítimas da traxedia", dixo Jorquera, e aliás é o que demanda "o conxunto da sociedade galega".

Responsabilidades políticas

Mentres, o delegado do Goberno en Galiza, Samuel Juárez, rexeitou que se reclamen agora "as responsabilidades políticas" decorrentes da cástrofe, argumentando que o asunto está a ser obxecto de investigación xudicial.

Juárez deixou cair, en todo caso, que as responsabilidades políticas atinxirían máis ben ao PSOE, por "entrado en vigor" a liña Ourense-Santiago baixo o seu mandato.

En realidade, as responsabilidades políticas salpican quer o PP quer o PSOE. Ao PP porque o deseño da vía é obra da equipa que dirixía ao frente do Ministerio de Fomento Francisco Álvarez Cascos. Ao PSOE porque foi durante o goberno Zapatero, con Blanco como ministro do ramo, cando se decidiu o cambio de ancho, de internacional a ibérico, no tramo en que se acha a curva de A Grandeira, decisión que levou aparellada a que non se instalase de oficio o sistema ERTMS que tería freado automaticamente o comboio no momento en que se fixese patente o fallo humano.

A posición do PSdeG-PSOE

Por súa parte, o PSdeG-PSOE continúa sen emprestar apoio á constitución da comisión de investigación no Parlamento galego e remítese aos traballos da subcomisión de estudo dos camiños de ferro criada no Congreso dos Deputados.

Guillermo Meijón, coordenador das e dos deputados do PsdeG-PSOE no Congreso, apela á "máxima transparencia" no funcionamento desta subcomisión e defende que se procuren "os recursos necesarios" para dotar de "seguranza" aos combois.

Precisamente no Congreso terán de comparecer, perante o aparecimento dos novos dados, os presidentes de Adif e Renfe. Farano a petición do Bloque Nacionalista Galego.

A deputada do BNG Rosana Pérez considera necesaria esta comparencia unha vez que agora se sabe que os indicios sobre a ausencia de condicións de seguranza en Angrois foron ignorados polos responsábeis da infraestrutura -Adif- e dos comboios -Renfe.

Comentarios