O 18% da poboación galega, en risco de caír na pobreza enerxética

Unha iniciativa parlamentar do BNG reclama a consideración de “consumidoras vulnerábeis” ás 187.119 persoas que teñen problemas á hora de aboar as súas facturas enerxéticas, é dicir, o 18% total da poboación. Reclama que a Xunta se faga cargo das facturas de gas e electricidade das persoas consumidoras vulnerábeis en risco de pobreza enerxética.

pobreza_capa
photo_camera pobreza_capa

Un total de 187.119 persoas, o 18% da poboación, dedican máis do 10% dos seus ingresos ao pago de recibos de gas, auga, electricidade ou calefacción, un número que vai en aumento nunha situación tamén progresiva de dificultades maiores para as familias. 

Varias iniciativas do BNG, presentadas por Carme Adán e Francisco Jorquera no Parlamento, reclaman accións políticas para combater a pobreza enerxética para o que requiren definir o concepto de “persoa vulnerábel” coa modificación da lei 2/2012 do 28 de marzo de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias. 

Situación de pobreza enerxética

O grupo nacionalista reclama que a  Xunta se faga cargo das facturas de gas e electricidade das 
persoas consumidoras vulnerábeis en risco de pobreza enerxética e, para isto, recollen que as persoas que cumpran os requisitos presenten un informe dos servizos sociais sobre a situación cando reciban un aviso de interrupción do subministro de electricidade ou gas. O informe, que acreditará o cumprimento dos requisitos, terá que ser emitido polas administracións correspondentes nun máximo de 15 días. 

Co fin de mellorar a prevención e a planificación das actuacións públicas, as iniciativas recollen a obriga de intercambio de información das empresas subministradoras coas Administracións Públicas e a aprobación de prezos sociais. Por parte das empresas, recoñécese a obriga de habilitar “os mecanismos de información necesarios para poñer en coñecemento dos servizos sociais básicos e dos usuarios/as, a información existente e  actualizada sobre as tarifas sociais e as axudas e e medidas previstas para frear a pobreza enerxética”. 

O BNG reclama por esta situación agravada pola crise que a Xunta se faga cargo das facturas de gas e electricidade das persoas consumidoras vulnerábeis en risco de pobreza enerxética.

Comentarios