O Parlamento debate a transferencia a Galiza dos servizos de meteoroloxia estatais

O Parlamento vaise voltar a pronunciar esta terza feira (apartir das 10 h, segundo ponto na orde do día) sobre a amplitude do autogoberno de Galiza. Será a iniciativa do BNG, quen leva á cámara unha proposición de lei orgánica que visa a transferencia a Galiza dos servizos de meteoroloxia estatais.

parlamento de galiza
photo_camera parlamento de galiza

Os servizos de meteoroloxía son competencia do Estado de acordo coa Constitución española, mais o BNG apela ao artigo 105.2, un precepto que contempla a hipotética transferencia ás comunidades autónomas de faculdades que en principio son exclusivas da administración central.

Neste sentido, o BNG enfatiza na súa iniciativa que o vixente Estatuto de Autonomía galego (art. 37.22), relativo ás competencias exclusivas, recolle a hipótese de as faculdades do Goberno galego se puderen ver alargadas a meio de transferencias por lei orgánica do Estado.

É esta a vía eleita polo BNG, a de formular o debate no Parlamento dunha lei orgánica que, en caso de prosperar, sería levada ao Congreso dos Deputados. A hipótese de a iniciativa superar o trámite na Cámara galega é moi pouco probábel, dado que todo apunta a que será votada en contra pola maioría absoluta do PP.

O BNG enfatiza que a "fiabilidade" de Meteogalicia é moi "superior" á dos organismos estatais

Na súa iniciativa -que será defendida en pleno pola viceportavoz parlamentar nacionalista, Ana Pontón-, a formación frentista pon en valor que desde hai máis dunha década depende da Administración galega un ente, Meteogalicia, encarregado da predición do clima no noso país. O BNG entende que Meteogalicia ten sobradamente acreditada a súa "profesionalidade, precisión e fiabilidade", moi superior, xulga o Bloque, "aos organismos estatais".

Sobre Meteogalicia pairan, porén, dúas ameazas: a escaseza de recursos, atinxido pola vaga de recortes, e a recentralización de competencias: os sectores máis centralistas do PP teñen ameazado coa súa virtual desaparición.

O BNG entende que a súa iniciativa acha amparo social: "Existe unha demanda social de contarmos con servizo propio de observación e predición do clima e do tempo".

Comentarios