Feijóo non contempla pedir a Amancio Ortega un maior esforzo fiscal

SermosGaliza perguntoulle hoxe a Feijóo, na conferencia de imprensa após o consello da Xunta, sobre se consideraba que as grandes fortunas como a de Amancio Ortega debían incrementar, ou non, a súa achega fiscal, nun momento de grave caída dos ingresos públicos. Veu dicer que non.

Feijóo non está cómodo co debate fiscal, moito menos cando se lle pergunta a respeito de se as grandes fortunas deben contribuír máis á saída da crise.

Inquerido ao respeito por este medio, o presidente da Xunta deu unha resposta tan perfeitamente previsíbel como inconcreta. Enunciou de forma xenérica as distintas figuras tributarias do sistema fiscal español -do IRPF a Patrimonio-, mais en ningún momento aludiu á hipótese de criar algún imposto novo especificamente dirixido a incrementar a presión fiscal sobre os megarricos. E desde logo Amancio Ortega, a quen días atrás Bloomberg colocaba xa como a terceira fortuna do planeta, entra dentro da categoría de megarrico.

É máis: Feijóo até menosprezou o efeito recadatorio que para a Xunta de Galiza tería a aplicación dalgún tributo novo dentro do cativo marco de autonomía financeira e fiscal da que goza a Administración galega. "Algúns estiman que poderíamos recadar entre 5 e 12 millóns de euros. Falamos dunha cuestión que en ningún caso é capital" se o pomos en relación co orzamento total da Xunta, situado no entorno dos 8.400 millóns de euros.

O que si fixo o líder conservador foi aproveitar a pergunta para voltar a defender a tese, tan cara ao PP, de que os servizos públicos non se paguen através de impostos, senón através dun copagamento que vaia en función da renda de cada cidadán. Aí sería onde habería que marcar máis a diferenza entre as maiorías sociais e as grandes fortunas.

Comentarios