Un país no camiño da desigualdade

En cinco anos produciuse un incremento da desigualdade en Galiza do 14,4%, porcentaxe moi superior á media do Estado, 8,6%. O país afástase da igualdade e integración social, advirte un informe de Foessa, e xa son 166.000 os fogares galegos que viven en exclusión.

pobreza

A desigualdade na Galiza aumentou un 14,4% entre 2008 e 2013, un incremento ben superior ao que no mesmo lustro experimentou o Estado español, un 8,6%. Un estado, cómpre lembrar, que xa é o segundo máis desigual da Unión Europea, só por detrás de Letonia; como certificou Eurostat, a oficina de estatísticas europeas.

Un estudo de Foessa, Informe sobre exclusión e desenvolvemento social. Galiza 2014, recolle como a evolución nestes anos do coeficiente Gini plasma ese aumento da desigualdade. Este coeficiente mide a desigualdade na distribución da renda, abrangue desde o 0 -todas as persoas teñen a mesa renda- ao 1 -unha única persoa posúe toda a renda dispoñíbel-. E Galiza pasou dun valor Gini de 0,27 en 2008 a un de 0,31. Maior desigualdade.

O coeficiente Gini, medidor da desigualdade, pasou na Galiza do 0,27 en 2008 ao atual 0,31

O mencionado informe recolle e analiza nas súas 85 páxinas diversos indicadores para ter unha fotografía real da Galiza que tenta capear unha crise cuxo impacto non se pode medir só nos dados e cifras de desemprego. Entre 2009 e 2013, sinalan, a privación material severa pasou de afectar o 3,4% dos fogares galegos a facelo o 4,6%. A taxa de risco de pobreza ou exclusión social supera o 24% da poboación galega...

Fogares

Na Galiza hai 1.028.000 fogares. Deles, 59.000 son ‘excluídos pobres’, 107.000 ‘excluídos non pobres’ e 150.000 estarían na categoría de ‘pobreza integrada’. Son 645.000 os fogares galegos os estarían integrados.

A situación de dificultade ten casos concretos, como o de que case 6 de cada 100 fogares “non poden permitirse unha comida a base de proteínas animais (carne, peixe) ao menos 1 vez cada 2 días”.

Como dato positivo, o informe destaca que na Galiza a rede social próxima “é intensa e plural” e axuda a amortecer en parte as consecuencias da crise nos sectores máis afectados e convértese nun soporte importante.

Comentarios