mércores 19/01/22

O pacto PP-PSOE de Vigo reprodúcese en Lugo

A negociación dun acordo entre o PP e o PSOE no Concello de Lugo para o destino do remanente dos pasados exercicios está a repetir o modelo de actuación que se produciu en Vigo, onde un pacto entre os dous partidos conseguiu a aprobación dos orzamentos municipais. 

Concello de Lugo
Concello de Lugo

Case trece millóns de euros son os remanentes de exercicios anteriores para os que o Concello de Lugo terá que decidir destino. Deses millóns, dez teñen unha finalidade establecida por lei mais dos outros tres o pleno pode decidir o seu destino. “O PP e o PSOE están negociando un acordo de maneira oculta e a día de hoxe sen facer partícipe á cidadanía do pacto secreto”, denuncia Paz Abraira, voceira do BNG no concello para quen a actuación política dos dous grupos “está a seguir a axenda de Vigo. O centro do acordo non son só os tres millóns, senón o interese en sacar adiante unha parte do Plan Xeral que está pendente de aprobación por parte da Xunta”. 

Segundo a voceira nacionalista, PP e PSOE estaríanse a apoiar mutuamente en dous asuntos de crucial transcendencia política. “Desta maneira, o PSOE logra manter na alcaldía un alcalde imputado na Pokémon, consegue botar adiante unha serie de obras que serán o seu balance municipal, e o PP logra que se aprobe o Plan Xeral que queren sacar de enriba porque aspiran á alcaldía e, por outra parte, conseguen que Besteiro non pida a dimisión de Paula Prado”, sostén Abraira. O pleno que se desenvolveu esta segunda feira, ao seu ver, no que en ningún momento se falou do contido do acordo e se desviou a atención cara á polémica do Garañón sería, para a voceira do BNG, un claro exemplo da actuación dos dous grupos municipais, o do goberno no concello e o que rexe a Xunta.

"O PSOE pode manter un alcalde imputado e o PP non pide a dimisión de Paula Prado", di Paz Abraira

Obras en tempo de crise

O BNG fixo unha proposta para os remanentes na que se destinarían os cartos a partidas de gasto social e accións económicas e non exclusivamente para obras, como mantén que será finalmente o uso dos cartos sobrantes de exercicios anteriores. O grupo nacionalista anunciou que non ía participar en ningún proceso de negociación co PSOE mentres Orozco continúa como alcalde, dada a súa condición de imputado da Pokémon. 

Para Paz Abraira, o modelo de actuación reproduce o que levou ao pacto do PP e PSOE en Vigo para a aprobación dos orzamentos, e mesmo o “PP ten distribuído un argumentario en Lugo que é o mesmo que empregou para defender o seu acordo en Vigo”, sinala, “As dúas forzas tocadas pola corrupción que se apoian entre si para sustentar o sistema bipartidista", denuncia Paz Abraira, dun acordo que quedaría tamén á vista na foto dos concelleiros do PP e PSOE nun acto institucional ao que o BNG non foi convidado. 

O PP e o PSOE deron o visto bon en Vigo recentemente a uns orzamentos para o 2014 que permitirán finalizar a Abel Caballero o seu período na alcaldía con certa tranquilidade. A voceira nacionalista no concello, Iolanda Veloso, valorou entón que o pacto “condena a Vigo a sofrer as políticas do PP logo de que Abel Caballero as asumise vendendo a cidade por uns orzamentos”. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O pacto PP-PSOE de Vigo reprodúcese en Lugo
comentarios