Bletxu Valeiras, de BDS : "O ataque de Israel ao Parlamento Galego mostra o seu nerviosismo"

O activista de BDS-Galiza (Boicote, Desenvestimentos e Sancións) , Bletxu Valeiras, analiza a acusación de "extremistas" e "inimigos" aos membros do Parlamento Galego por parte do embaixador de Israel, Alon Bar, nunha carta dirixida a Pilar Rojo. O embaixador respondía así á declaración institucional aprobada por unanimidade en apoio ao pobo palestino. 

 

Bletxu Iglesias
photo_camera Bletxu Iglesias

-Como valora desde BDS a carta que o embaixador de Israel remitiu á presidenta do Parlamento Galego en protesta pola declaración de apoio ao pobo palestino?.

En primeiro lugar, estráñanos o feito de que o embaixador expresase a súa sorpresa, por unha declaración que se produce por segundo ano consecutivo. Por outra banda, o feito de considerar “extremista” quen defende o retorno dos refuxiados mostra con claridade que o estado de Israel, fundado en base da expulsión de máis de 700.000 cidadáns da Palestina, se constrúe sobre unha grande inxustiza. Sobre a obvia inxerencia nos asuntos do noso pobo e o estilo ameazante do señor Bar só queremos sinalar que, alén de estaren moi afastados dos modos diplomáticos comúns, revelan certo nerviosismo producido pola encomiábel unanimidade das forzas parlamentares galegas nun asunto tan grave de vulneración do dereito internacional.

-Que significa que un embaixador chame “extremistas” e “inimigos” a unha cámara de representación popular?

Como dicía antes, nós o vemos como claro síntoma de nerviosismo. Cada vez son máis os reproches que Israel recibe da comunidade internacional. Israel basea a súa política en insistir no sufrimento histórico dos xudeus para xustificar as barbaridades sionistas do presente.

-O embaixador di que declaracións como a aprobada por unanimidade no Parlamento Galego apoian a “desaparición de Israel”.

Do que depende a existencia de Israel como Estado confesional Xudeu é basicamente da composición súa poboación e da actitude da comunidade internacional en relación á limpeza étnica que practica o sionismo contra o pobo palestino..De non ter expulsado (ou asasinado) os refuxiados, e de non ter realizado unha inimaxinábel política de “chamamento” para atraer novos habitantes chegados dos mais diversos lugares do mundo, nomeadamente brancos asquenazis, o estado confesional xudeu sería impensábel.

-Que relevancia ten unha declaración como a que apoiaron a totalidade dos grupos no parlamento galego?

Que grupos políticos aos que habitualmente custa chegar a acordos, e con tan diversa visión das relacións exteriores, aprobasen esta declaración, mostra que a situación angustiosa do pobo da Palestina non deixa dúbidas.

-É tan singular unha posición institucional como esta?

Polo que dende BDS-Galiza sabemos, esta foi probabelmente a primeira declaración dun parlamento en prol dos dereitos do pobo palestino. E confiamos en que non sexa a última, Polo que sabemos comezan a haber movementos noutros parlamentos.

Comentarios