Os sindicatos preparan unha folga xeral en Ferrolterra para a primeira metade de xuño

A perda constante de postos de traballo na xa moi castigada comarca de Ferrol, onde o Naval achégase á desaparición, leva aos sindicatos a comezar os preparativos para a convocatoria dunha folga xeral a principios de xuño, segundo puido saber Sermos Galiza.   

As xuntanzas mantidas entre as diversas forzas sindicais de Ferrolterra está a piques de desembocar na convocatoria dunha folga xeral na comarca para a primeira metade do mes de xuño, a falta de que algunha central confirme a decisión -que xa dan por feita- e se elixa unha data concreta, segundo puido saber Sermos Galiza. 

A grave situación pola que pasa Ferrol e a súa contorna, con alarmantes cifras de desemprego que na cidade alcanzan o 32 por cento e que semella que van seguir medrando en vista da falta de solucións para Navantia, levou aos sindicatos a tomar a decisión de subir un chanzo nas súas protestas, na procura de decisións que clarifiquen o futuro dunha comarca que xa arrastra unha grave crise dende os anos oitenta. 

O abandono absoluto do Naval, principal motor económico de Ferrolterra, semella o detonante final para a convocatoria da folga, posto que a falta absoluta de carga de traballo -na que é cuestión central o veto ao que o goberno central e a Unión Europea teñen sometido a Navantia- até podería sumar antes de outono 6.000 nov@s desempregad@s aos moit@s xa existentes, que tampouco atopan saída noutros sectores ante o baleiro absoluto ao que está sometida a actividade económica da comarca. 

Posto que tampouco a Xunta ou o concello ofrecen algo que non sexan palabras rituais para atallar a sangría, as centrais sindicais optarán pola folga xeral para intentar forzar un cambio na situación, tamén logo de que as promesas do presidente da Xunta sobre novos encargos para os estaleiros que, segundo a súa promesa, deberían ter comezado xa en marzo, quedasen en nada polo momento. 

Hai tres semanas, 2.000 operari@s do Naval saíron á rúa nunha xornada de folga en Navantia, na que se levantaron barricadas na rúa e se penduraron buzos de traballo por distintas zonas. 

Comentarios