Os pinchazos das conversas revelan que Feijóo mentiu ao dicer que rachou todo contacto con Dorado nos 90

Por orde do xuíz Taín, e no marco da coñecida como operacion South Sea, no período 2001-2003 foron gravadas conversas telefónicas entre Feijóo e o narcotraficante Marcial Dorado. Así o revelou o xuíz en conversas con varios medios. Isto significa que Feijóo mentiu cando afirmou que rachara todo contato con Dorado arredor de 1998 ao coñecer que tiña causas pendentes.

O telefone de Dorado estaba pinchado, así que se lle gravaron as conversas con diversas persoas, entre elas Alberto Núñez Feijóo, xa con ben máis de 34 anos.

A consecuencia das investigacións Dorado foi encarcerado por narcotráfico, en 2003.

En declaracións a El Mundo, Taín afirma que o contido das conversas telefónicas Feijóo-Dorado non tiña ningunha relevancia penal, como tampouco as fotografías requisadas ao narcotraficante e nas que aparece o presidente da Xunta.

Feijóo agárrase a esta falta de relevancia penal para dar por zanxado o asunto. "O xuíz que encarcerou Marcial Dorado falou e a infamia rematou", afirmou o presidente do Goberno galego. Mas o único que di Taín é que non existen indicios delictivos que apunten cara a Feijóo e ninguén, nen nos medios nen na escena política, ten levantado a menor dúbida a ese respeito. Feijóo está a ser duramente criticado non porque cometese ningún delito, senón por manter unha relación de estreita amizade, ao longo de varios anos, cun connotado narcotraficante.

De acordo con El Mundo, unha vez encarcerado Dorado, Feijóo chegou a apresentar a súa demisión a Fraga, que non lla aceitou.

Comentarios