Os orzamentos de Bruxelas subvencionan o desmantelamento de sectores produtivos básicos da Galiza

As contas da Unión Europea destinan millóns de euros a actuacións como incentivar o desmantelamento da frota pesqueira ou cubrir despedimentos de obreiros no sector do metal galego
Flota amarrada (Imaxe: F. Cortell)
photo_camera Flota amarrada [Imaxe: F. Cortell]

Os orzamentos da Unión Europea para 2013 recollen diversas partidas que inciden en subvencionar recortes ou desmantelamentos en importantes sectores productivos galegos. Estas contas chegan nun escenario en que Galiza pode sufrir un importante recorte de fondos --pola volta duns 4.000 millóns de euros-- entre 2014 e 2020.

Canto ao sector do metal, as contas dispoñen duns dous millóns de euros no Fondo Europeo de Adaptación á Globalización para axudar a 450 traballador@s despedid@s na Galiza. Cartos para desemprego, non para procurar o desenvolvemento deste eido produtivo.

Mais non só o metal está no albo destas contas. Así, tamén a frota pesqueira galega (tradicionalmente prexudicada polas políticas da UE) ve como o aumento de fondos vai destinado ao seun desmantelamento. Neste sentido, cómpre lembrar que Galiza perdeu o 15% da súa frota pesqueira nos últimos anos. 

O censo da frota pesqueira galega perdeu 831 embarcacións nos últimos anos, a maior parte delas (718) no sector da frota de baixura ou artesanal, a que fornece de máis postos de traballo. Mais tamén se perderon barcos na frota de altura, aquela que faena en augas comunitarias, que pasou de ser de 144 buques en 2004 a 97 en 2011. Neste grupo, o arrastre (con 46 barcos menos) foi o máis prexudicado.

Abandono da actividade

O ingreso da Galiza na UE implicou a aplicación de fortes medidas de reestructuración da frota pesqueira, non só da cal faenaba en augas 'nacionais', senón tamén nas comunitarias. De feito, boa parte das achegas europeas a Galiza van destinadas a despezamentos e abandono da actividade, máis que a modernización da frota. Unha situación que padece especialmente o sector da baixura.

Comentarios