Os novos proxectos arredor do patrimonio rural danse cita en Pontevedra

Os núcleos museolóxicos de Viana ou a promoción económica de Allariz. As iniciativas da Asociación Val de Esmelle ou da Comunidade de Montes de Bora. A custodia e os procesos de dinamización. As II Xornadas sobre Patrimonio Rural.Territorio e Desenvolvemento rural poñen sobre a mesa en Pontevedra os novos modelos e posibilidades de xestión do patrimonio das parroquias. 

Luis Bará nunha das xeiras da Concellaría de Patrimonio
photo_camera Luis Bará nunha das xeiras da Concellaría de Patrimonio

A Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra que dirixe Luís Bará convoca por segunda vez as Xornadas sobre Patrimonio no Rural. Patrimonio, Territorio e Desenvolvemento Rural con fin de mostrar os novos modelos de xestión e proxectos que xiran arredor do patrimonio das parroquias. Durante os días 12 e 12 de abril desenvolveranse no edificio da Misión Biolóxica de Lourizán. 

Neste sentido, en Pontevedra estase a desenvolver tamén un plano de dinamización e protección do patrimonio do ámbito rural, de elementos arqueolóxicos, etnográficos, arquitectónicos e tamén de infraestructura, un valor sobre o que se está a actuar de forma sistémica coa fundamental implicación da cidadanía. “Trátase de xerar un proceso planificado, participativo e continuado no tempo, que permita revertir a situación actual de descoñecemento e abandono que presentan estes bens, e convertilos en parte central da identidade colectiva, instrumentos de cohesión, e recursos para a dinamización socioconómica” sinala o concelleiro de patrimonio histórico, Luís Bará. 

O patrimonio etnográfico centrará a primeira intervención o venres ás 17 horas por medio da conferencia “Un patrimonio para coñecer, valorar, actuar e gozar” de Begoña Bas que abrirá unhas xornadas que se prolongarán até o sábado a mediodía. Cristina Cid, concelleira de promoción económica de Allariz e Joao Alpuim Botelho, director do Museo do Traje e coordinador dos núcleos museolóxicos das parroquias de Viana do Castelo compartirán a seguir a mesa de traballo dedicada ás experiencias institucionais de recuperación e dinamización de conxuntos patrimoniais. 

"Trátase de xerar un proceso para converter estes bens en parte central da identidade colectiva, instrumentos de cohesión, e recursos para a dinamización socioconómica” di Luís Bará

Despois de avaliar o resultado destes modelos de xestión desde o ámbito público, será o momento de presentar iniciativas sociais que, coa orixe en asociacións ou colectivos, puxeron a mirada na posta en valor do seu patrimonio comunitario. O coordinador do Proxecto Esmelle, da Asociación Veciñal Val de Esmelle de Ferrol, Rafa Beceiro e o coordinador da Aula do Almofrei, da Comunidade de Montes do Salgueiral, Bora-Pontevedra, comentarán o alcance das iniciativas que parten da sociedade civil. 

Para o sábado está prevista a intervención de Ignacio Muñiz, director do Ecomuseo do Río Caicena, en Córdoba, arredor do desenvolvemento rural desde o patrimonio histórico-natural e a participación cidadá. A custodia do territorio ocupará a última sesión coa participación de Ramón Magdalena da Asociación Galega de Custodia do Territorio e Paula Lubián de Feitoría Verde. 

Para Luís Bará, o obxectivo das xornadas é “presentar experiencias promovidas por institucións e entidades sociais que poidan servir como referencia para Pontevedra en ámbitos como  o uso social do patrimonio, a recuperación de conxuntos etnográficos, os ecomuseos, os prodectos de dinamización socioeconómica a partir do patrimonio, a custodia do territorio, etc”.

Para se inscribir nas xornadas é preciso enviar un correo a [email protected] co nome, apelidos e teléfono.