Mariñeiros expulsados de Mauritania reclaman renegociar o acordo que exclúe a frota galega

Despois dun encerro que comezaba na segunda feira no concello de Marín, a sexta feira os mariñeiros da frota cefalopodeira expulsados de Mauritania protagonizaron un acto reivindicativo en que exixiron o cobro íntegro das axudas pactadas co goberno español antes das eleccións. Reclaman renegociar o acordo que exclúe a frota galega.

“Nin antes o goberno español, nin o de agora, demostraron interese por defenderen a frota galega de Mauritania nin os postos de traballo que dela se derivan, deixaron apodrecer a negociación” sinalou Xabier Aboi, secretario nacional de CIG-Mar, sindicato maioritario no sector, nun acto que tivo lugar en Marín e que congregou centos de persoas.

O recente acordo, supón, segundo se puxo de manifesto, un maior desembolso para a UE que o anterior e, mália así, se marxina á frota galega. Por outra parte, dos 114 mariñeiros afectados só 22 recibiron parcialmente o pactado. “Só 22 teñen solucionado unha axuda e non todos cobraron”, dixo un mariñeiro.

As mobilizacións continuarán até que se cobren as axudas e se renegocie un acordo xusto que garanta o dereito a pescar dos mariñeiros galegos.

Comentarios