Os seus gobernos pagaban sobreprezos, a trama Gürtel agasallaba con actos do PP

Até un 100% de beneficios facturaban as empresas da trama Gürtel na xestión de proxectos para institucións públicas gobernadas polo PP. A cambio, traballaban gratis na organización de eventos do partido, como descubren os documentos da contabilidade da rede. 

A contabilidade da rede Gürtel está a deixar en evidencia as actuacións da trama na obtención de beneficios en determinados proxectos negociados con gobernos do PP a cambio de realizar gratis a produción de actos do partido. 

A trama Gürtel non só se ocupou de balde da iluminación do casamento da filla de Aznar, o xornal El Pais publica hoxe que as carpetas incautadas pola policía demostran que as empresas da rede obtiñan chamativos beneficios de contratos públicos -AENA e concellos do PP- mentres que computaban “perdas” en actos organizados polo partido, como o da presentación da candidatura á alcaldía de Marbella en 2002 que contou coa presenza de Aznar. Segundo consta na contabilidade incautada, as empresas non terían cobrado nada pola xestión da produción deste acontecemento político do PP. Segundo consta nos documentos, o acto ascendería a máis de cinco mil euros mais aparecería rexistrado como “agasallo do Sr. Correa”. 

Contra a “perda” en actos do PP, as empresas da rede beneficiábanse de maneira singular na organización de actos institucionais, recibindo 26 millóns de pesetas pola organización dun acto en Barajas que costou 14, do que queda constancia nos rexistros contábeis. En moitos actos públicos institucionais, a marxe de beneficios supera o 100%.