A oposición política rexeita o recorte de dereitos ás mulleres do PP

Todas as organizacións políticas coinciden á hora de criticar a contrarreforma á lei do aborto presentada polo ministro Gallardón que foi aprobada no consello de ministros desta sexta feira. Despois de que o feminismo saíra á rúa nesa mesma noite, as organizacións políticas manifestaron o seu rexeitamento ao recorte de dereitos das mulleres. 

aborto(3)
photo_camera aborto(3)

O PSOE comprométese a “deter con todas as forzas” o anteproxecto

O PSOE mostrou o seu compromiso para deter “con todas as forzas” o anteproxecto de lei do aborto do PP. “Imos parar iso, porque nos están quitando a liberdade. Non podemos consentir que nos quiten a liberdade e temos que facer que paguen por iso”, defendeu a número dous do partido en Madrid, Elena Valenciano nun acto con representantes da sociedade civil, profesionais e asociacións de mulleres nos que participou Rubalcaba. “España retrocede moito máis de trinta anos e convértese en excepción europea, despois de ter pasado por un camiño de liberdade” dixeron. Ao seu ver, a nova lei do PP obriga ás mulleres a parir fillos con graves malformación e retorna aos  “vos chárter a Londres” para quen poda pagalos.    

Pola súa banda, Xuventudes Socialistas retoman a campaña #nosotrasdecidimos para esixir a retirada da modificación da Lei. Falan da “volta ao franquismo que supón esta lei que pon en perigo a vida das mulleres sen solucionar o problema dos embarazos non desexados”


BNG: “Involución sen precedentes para os dereitos das mulleres”. 

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila denunciou que o PP está a “levar ás mulleres de novo a un período negro cunha reforma da lei do aborto que supón un paso atrás, unha involución sen precedentes en materia de dereitos das mulleres”. “De golpe e porrazo Gallardón vaia anular unha lei de prazos que custou moito esforzo aprobar, que tivo un amplo consenso, que situou ao estado español na liña dos países europeos máis desenvolvidos en materia de dereitos sociais, e que está a proporcionar seguridade sanitaria e xurídica ás mulleres que deciden interrumpir o seu embarazo”. Asegurou Fernández Davila que o BNG ía mostrar a súa oposición total  a esta lei cando sexa tramitada no Congreso e mostrouse confiada de que  “as mulleres se van mobilizar e non perdoarán ao PP semellante regresión”. O portavoz nacionalista Anxo Vence, a deputada Carme Adán e mais a responsábel de Acción Feminista, Saleta Chao convocaron para esta segunda feira unha rolda de prensa para valorar o anteproxecto do PP. 

Ao tempo,  BNG da Coruña lanzou un vídeo “O noso corpo, a nosa decisión” contra a reforma da lei do aborto, coa participación de distintas persoas da comarca. 


Compromiso por Galiza chama á “insubmisión” 

O Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, cualificou o anteproxecto como “reaccionario e que atenta contra a liberdade das mulleres”. “Un paso atrás sen precedentes” que deixa á vista unha “auténtica podremia autoritaria”.
Chamou á insubmisión e reafirmouse na necesidade de paralizar a lei, de non ser así asegurou que instarán mesmo ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos a que actúe. 
Para a Secretaria Nacional de Igualdade, Inma López Silva, “agora só poderán abortar as fillas dos ricos, dos deputados do PP, en clínicas privadas no estranxeiro, como se facía antes; alén diso, milleiros de discapacitadas e discapacitados nacerán en familias que, ante os recortes en materia de dependencia, non poderán asumir os coidados necesarios para darlles unha vida digna”. 

NOS UP: Unha reforma “denigrativa, que nom conta com o apoio da maioria social”

A Responsável Nacional da Mulher de Nós UP, Helena Embade, valorou a reforma como “denigrativa, que nom conta com o apoio da maioria social, mas que nos querem impor a base de falácias que nom tenhem justificaçom nengumha. A sua teima por controlar as nossas vidas e as nossas decisons nom tem limite, e ademais esta reforma vem acompanhada dum discurso hipócrita, oportunista e que mostra total desconhecimento da realidade”. O 22 de xaneiro teñen convocado na Casa Galega da Cultura de vigo un debate sobre o aborto e os dereitos sexuais e reprodutivos. 

Esquerda Unida; “Un paso máis cara o recorte dos dereitos das mulleres”

“Coa aprobación no consello de ministros do Anteproxecto de reforma da lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo, o ministro Gallardón, dá un paso máis cara o recorte dos dereitos das mulleres”, sinalan desde Esquerda Unida para quen a reforma, “previa intervención do estado e da igrexa, se deixa a decisión sobre o corpo e a vida das mulleres nas mans dun "profesional". Manifestan a defensa do dereito á interrupción voluntaria do embarazo, a libre decisión das mulleres, sen interferencias, sen condicionantes, sen tutelas nin penalizacións. 

ANOVA: “Devólvenos aos abortos clandestinos e á indefensión das mulleres sen recursos” 

“Están a ser atacados os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, ás que se impide decidir sobre os propios corpos, nun contexto de grave regresión social que afecta dobremente ás mulleres, valoran desde Anova, organización que valora que non se poden permitir cambios lexislativos en materia de interrupción do embarazo que conducen a un sistema anterior a 1985. As mulleres teñen o “dereito de ser nais e de decidir sobre os propios corpos co dereito ao aborto libre, gratuíto e seguro na Sanidade Pública” defenden. Sinalan tamén que este cambio normativo devolve “aos abortos clandestinos e á indefensión das mulleres sen recursos”.

FPG:”Para o PP as mulleres son meras incubadoras”

O  PP está a “relegar ás mulleres a ser meras incubadoras, obxectos exentos de dereitos”  e asegura unha contundente resposta por parte do movemento feminista. 

Comentarios