A oposición ao repagamento concéntrase esta segunda feira diante dos hospitais

As plataformas Iniciativa Pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública convocan para esta segunda feira 27 de xaneiro ás 11 horas concentracións diante dos catorce hospitais para manifestar a súa oposición á aplicación do repagamento farmacéutico a doentes crónicos. 

Sanidade
photo_camera Sanidade


As dúas plataformas en defensa da sanidade pública defenderán nas concentracións que terán lugar hoxe día 27 ás 11 horas que a Xunta non poña en marcha o repagamento dos fármacos de dispensación hospitalaria, como xa anunciaron distintas comunicades autónomas, varias delas do PP.  A reclamación constará nunha carta que se lle dirixirá ao presidente da Xunta e á Conselleira de Sanidade e na que se adxuntará unha táboa coas indicacións terapéuticas dos fármacos que pasan a ter que pagar os pacientes. “O obxectivo é que intenten visualizar persoas detrás de cada medicamento no lugar de ver un frío decreto do BOE e intenten pensar no dano que van causar coa aplicación deste decreto”, explican. 

A Iniciativa Pola Gratuidade da Sanidade Pública e SOS Sanidade Pública fan un chamamento á sociedade para que participen nas mobilizacións que terán lugar diante dos hospitais de  Monforte de Lemos, A Coruña, Ferrol, Santiago, Cee, Ribeira, Lugo, Burela, Ourense, O Barco, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Verín contra o que consideran un “imposto á enfermidade” que penaliza doentes de cancro, esclerose múltiple, leucemia ou artrose nunha medida que consideran “irracional e inxusta”. A medida suporá, segundo sinalan, maiores dificultade para accederen aos medicamentos por parte das persoas con enfermidades crónicas. 

"O repago mata"

As persoas e familias afectadas incrementan os seus gastos entre 400 e 600 euros con moitos dos casos nos que a propia enfermidade conleva o posto de traballo propio ou dalgún familiar, advirten as entidades convocantes  Por riba, a medida, segundo A Iniciativa Galega pola Gratuidade e SOS Sanidade Pública a medida de aplicar o repagamento farmacéutico non cumpre os argumentos que a administración xa que non é disuasorio porque a prescrición depende de especialistas clínicos e a administración dos servizos de farmacia dos hospitais e os gastos persoais para a súa aplicación suporán un maior investimento que os ingresos polo cobro.  

Concellos, organizacións veciñais e sanitarias, organizacións profesionais, colectivos de Inmigrantes, ONGs, sindicatos e organizacións políticas e a totalidade das Plataformas en defensa da sanidade intégranse na Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública. 

A Iniciativa convocara en novembro concentracións diante dos hospitais co lema “O repago mata. Nin unha persoa morta por falta de recursos. Por unha sanidade Galega pública e gratuíta” para, en decembro, se produciren dúas xornadas de folga e mobilizacións no sistema sanitario público contra as políticas privatizadoras do PP.

Comentarios