A oposición ao PP cualifica a situación de “catastrófica” e urxe políticas activas de creación de emprego

Representantes das diversas organizacións políticas da oposición participaron maiormente nas manifestacións centrais de Vigo para mostrar o seu rexeitamento ás políticas do PP e a esixencia de accións contundentes para a creación de emprego e contra a precariedade laboral e os recortes sociais.  

.
photo_camera .

Xavier Vence, BNG: “A sociedade ten que reaccionar diante da situación catastrófica” 

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou na manifestación central da CIG en Vigo na que reclamou políticas activas para a creación de traballo digno e poñerlle freo á crecente precarización laboral. Como “catastrófica” cualificou unha situación caracterizada, infelizmente, por datos históricos con arredor de 300.000 desempregados e 100.000 mozos e mozas que tiveron que abandonar o país cara á emigración. 

Reparou de maneira especial o portavoz do BNG no aumento do desemprego no sector agrario e pesqueiro que perdeu, segundo cifrou, 5.700 empregos no primeiro trimestre do 2014, como efecto “das políticas aplicadas por Miguel Arias Cañete”, candidato do PP ás europeas que, segundo Vence, “non merece un premio deste país”. 

Segundo Vence, este primeiro de maio é unha data para “reivindicar máis traballo, traballo digno e non precario, que signifique o futuro para a xente”. O PP, segundo dixo, non pode seguir ocultando unha “situación catastrófica” diante da que a sociedade ten que “reaccionar”. 

Yolanda Díaz, AGE: “A cidadanía está farta”

A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz participou en Vigo na manifestación convocada por CCOO e UGT e no seu inicio defendeu que “a cidadanía está farta, non ten para comer, non ten para pagar a luz. Están cortando a auga e a luz mentres impoñen repagamentos pola sanidade e pola educación”. Reclamou, polo tanto, un “cambio na folla de ruta” dos gobernos do PP tanto central como galego que se dirixa a defender os postos de traballo fronte a uns datos que definiu como “catastróficos”. 

 Convidou á cidadanía á “saír á rúa a loitar” contra o saqueo das arcas públicas e co obxectivo de rescatar os dereitos sociais que están a sufrir progresivos recortes. Dirixiuse ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo para indicarlle que “violencia” son os datos da EPA: “Violencia é ter á xente na rúa, a máis de 100.000 familias con todos os seus membros no desemprego”, dixo. 

Paulo Carlos López, CxG: “Demandamos á Unión Europea políticas activas de emprego” 

O secretario xeral de CxG mais o candidato ás eleccións europeas participaron nas manifestacións en Santiago nas que reclamaron políticas activas para a creación de emprego. “Hoxe estamos aquí para celebrar o Día da Clase Traballadora pero tamén para reivindicar máis dereitos laborais, máis seguridade e saúde laboral, e para demandarlle á Unión Europea políticas activas de emprego para situar como unha prioridade a loita contra o paro”, sinalou o candidato Carlos Paulo López mentres que reclamou outra política económica e social diante dos alarmantes datos da EPA. 

Xosé R. Gómez Besteiro, PSdeG: “O PP levou a Galiza ao empobrecemento”

O secretario xeral do PSdG, Xosé Ramón Gómez Besteiro acusou ao goberno do PP  no goberno da Xunta e do Estado de levar a Galiza a un maior “empobrecemento”. 

Besteiro participou na manifestación da UGT e CCOO en Vigo na que dixo que o desemprego era o principal problema para Galiza e criticou a inhibición do PP de Núñez Feijóo ao xustificar a súa inacción dicindo que “non hai competencias en políticas activas de emprego”. Reclamoulle ao goberno da Xunta que mude o  o camiño e que cambie de rumbo político xa que, segundo dixo, “o PP comprometeuse a crear emprego a xerar riqueza e estamos peor”. 

Henrique Torres, Causa Galiza: “A situaçom sócio-económica é insorportável”

O portavoz nacional de Causa Galiza, Henrique Torres, que chamou á participación nas manifestacións da CIG valorou nas redes sociais como “insoportábel” a situación socioeconómica que están a padecer @s traballador@s e o conxunto das clases populares do país. 

Rebeca Bravo, Nós-UP: “A mudança emanará de um povo organizado”

Pola súa parte, a portavoz nacional de NÓS-Unidade Popular portou a pancarta da súa formación na manifestación da CIG de Vigo. No manifesto que a súa formación difundiu co gallo do primeiro de maio e repartiu nas distintas mobilizacións denuncian unha “paulatina deterioraçom das condiçons de vida da classe trabalhadora e do conjunto das camadas populares” cun retroceso progresivo nas condicións de vida, dereitos laborais e liberdades fundamentais. “A mudança e a transformaçom que a imensa maioria desejamos emanará de um povo organizado, movimentado e em luita, nom de promessas eleitorais e do fetichismo das urnas do capitalismo”, sinalan mentras alentan á greve xeral e á ocupación das rúas en protesta contra “o nosso inimigo”. 

Comentarios