Operarios de Navantia en loita polo presente (carga de traballo) e futuro (contra a Lomce)

Traballadores do naval e comunidade educativa marchan xuntos en Ferrol porque “a situación é a mesma”.

@patriciahermida
photo_camera @patri_hermida

En Ferrol, a mobilización educativa contra a LOMCE contou co apoio dos operarios do Naval. Os traballadores de Navantia e auxiliares manifestáronse en defensa de carga de traballo para os estaleiros (“a principios de decembro imos ficar sen nada”) mais tamén contra a lei de Wert. “Somos traballadores, mais tamén pais, cidadáns”, lembraba Ignacio Naveira, do comité de empresa.

Así, unha nutrida mobilización (algúns xornalistas que a estaban a cubrir en directo apuntaban a cifra de 8.000 persoas) percorreu Ferrol contra a política educativa e económica do PP. “Temos o mesmo problema”, afirmaban desde o naval, en referenza a estudantes e traballadores.

A protesta de Navantia é máis unha na longa ringleira de mobilizacións na defensa de traballo para os estaleiros. As promesas de goberno galego e central ficaron niso, promesas, e non se concretizaron. Feijóo prometeu hai máis dun ano que Ferrol ía construír un flotel. E dese buque nada se sabe. E o ministro Montoro afirmaba en febreiro que en marzo “os estaleiros comezarían a cortar chapa”. Van alá sete meses e tampouco hai 'chapa' que cortar.

Comentarios