martes 11/05/21
O úNICO PREMIO A UNHA INICIATIVA EUROPEA NA CATEGORíA DE INSTITUCIóNS

Pontevedra conquista o premio Hábitat da ONU polo modelo de cidade

O Premio ONU-Hábitat recoñece o Concello de Pontevedra pola práctica na mellora da calidade de vida a través do modelo de cidade. Pontevedra imponse como único proxecto europeo que gaña o prestixioso galardón. 

Pontevedra
Pontevedra

O premio da ONU á rexeneración do hábitat supón o recoñecemento ao traballo desenvolvido en Pontevedra para a mellora da calidade de vida da veciñanza a través do proxecto urbanístico. Dos 406 proxectos de 95 países presentados, o de Pontevedra foi uno dos seis premiados na categoría de institucións e organizacións. O galardón á cidade galega foi o único que recaeu nunha iniciativa desenvolvida en Europa. 

“Que o xurado escollese o proxecto de Pontevedra con todos os de mellora do hábitat que hai no mundo é de gran relevancia para nós, en especial porque é o premio a unha práctica, é dicir, algo que se executou e uns cambios que modificaron a cidade, ao modelo que se deseñou”, sinala o concelleiro de Infraestruturas, César Mosqueira. Dos premios recibidos polo Concello de Pontevedra, entre os que se atopa o da accesibilidade da DGT ou o Intermodes, este é o único ao que presentou a candidatura, convencidos de que seren xa finalistas sería xa unha boa noticia para a cidade polo que a nova foi recibida con entusiasmo no goberno municipal. 

 "É o premio a unha práctica, é dicir, ao modelo de cidade que se deseñou en Pontevedra", di César Mosqueira

Coas entidades sociais

O Concello de Pontevedra presentou a candidatura en calidade de promotor, avalada coa participación dun amplo grupo de asociacións e entidades como Cogami, a ONCE, a Federación de Asociacións Veciñais, o Centro Comercial Zona Monumental ou Stop Accidentes. O premio valora tamén o feito de se tratar dun proxecto colectivo e deseñado coa colaboración de entidades sociais.  

A candidatura do Concello de Pontevedra tivo que pasar previamente a peneira do Comité do Ministerio de Fomento e despois unha selección europea até chegar ao xurado da convocatoria ao que accederon cincuenta finalistas. Once son as iniciativas premiadas, 6 na categoría de institucións e organizacións, 2 estudos universitarios, 1 de persoas físicas e 2 doutros traballos compartidos. O premio entrégase con carácter bianual e están considerados como os máis prestixiosos no seu ámbito. 

O Concello de Pontevedra recibiu a notificación por parte do Ministerio de Fomento. O galardón da Organización das Nacións Unidas entregarase na cidade de Dubai, nos Emiratos Árabes e, ademais do trofeo e a certificación de honra está dotado con 30.000 euros. 

Na comunicación remitida polo Ministerio de Fomento sinálase que foron 58 as prácticas presentadas do Estado Español das que dúas conseguiron finalmente o premio. “Pontevedra: Un modelo de cidade centrado nas persoas”, do Concello é o único que se desenvolve no territorio estatal, xa que o outro ten orixe en Ciudad Real mais refírese á obtención da propiedade das terras das mulleres de Guinea Bissau e pertence a outra categoría da convocatoria. 

comentarios