Unha ollada AFondo ás moitas caretas da violencia machista

Face o 25 de novembro, Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, presentamos un caderno monográfico arredor desoutras violencias moitas veces invisibilizadas. Xa á venda nos quiosques e librarías do país mais tamén na nosa loxa. 

photo_camera capa

Da man de activistas feministas e coordenado polas xornalistas Beti Vázquez e Olalla Rodil, presentamos un AFondo sobre a violencia na xustiza, no traballo, no rural, na sanidade ou nos medios de comunicación. Un caderno no que non falamos das 42 mulleres asasinadas no Estado español no que vai de ano, unha na Galiza. Mulleres que non morreron, que as mataron. 

Nestas oito páxinas non focamos a análise no asasinato machista como máxima expresión de violencia senón que visamos pór o acento nas outras violencias, esas que ollamos e non vemos ou que están tan enquistadas que xa nos semellan 'naturais'. 

Da man da xornalista Ana Viqueira, Margarida Corral (CIG-Muller), Luisa González (Observatorio da Mariña pola Igualdade), Luisa Ocampo (MNG), e da socióloga e activista dos feminismos Rocío Fraga preguntámonos se non hai violencia alá onde quizais nunca a ollamos. Ou é que non existe violencia nunha sentenza xudicial que determina que unha muller non foi violada porque durmía cun camisón moi curto? Non existe violencia nunha campaña publicitaria dunha pizzaría que di que "esta noite teño dúas, están boas e veñen quentiñas por 6,95 a domicilio? 

Non existe violencia na linguaxe sexista, nos teitos de cristal ou na idea de que as mulleres ficamos perto de sermos decrecentistas porque algunhas aínda lavamos á man e exercemos de coidadoras sen recibir nada a cambio?

Eis oito páxinas para a reflexión e o traballo. Eis un caderno que procura --modestamente-- botar luz e unha ollada crítica mesmo para a nosa tradición cuestionando se hai violencia en ditos populares que até criminalizan a alegría nun 'muller rideira ou puta ou meiga'. 

Todas esas violencias existen. Esta semana saímos á rúa contra o silencio cómplice. 

Xa á venda na nosa loxa. 

Comentarios