A memoria da Galiza Mártir hoxe, unha ollada AFondo

Cada 17 de agosto Galiza lembra @s represaliad@s polo fascismo. Un anaco da nosa historia moitas veces descoñecido e outras tantas deturpado. No número 61 do Sermos Galiza achegámonos á memoria da Galiza Mártir hoxe 

Que sabemos do acontecido? Que se fixo e que fica por facer no coñecemento e recoñecemento da resistencia antifranquista? Até que punto se logrou eliminar a simboloxía desde réxime infausto e a exaltación da "memoria dos vencedores"? Para que lembrar logo de tanto tempo?

Esas son algunhas das preguntas que nos/vos facemos neste novo número do noso caderno de análise semanal. Con motivo do Día da Galiza Mártir, o profesor Xoán Carlos Garrido e o historiador Dionisio Pereira preséntannos un monográfico arredor da memoria. 

A través de cinco artigos que se debruzan arredor dalgúns dos preconceitos máis arraigados no noso país --como a crenza de que na Galiza non houbo un movemento de resistencia ao fascismo-- aproximámonos á nosa memoria histórica desde múltiples perspectivas e disciplinas. 

Acompañad@s por María Ruido, artista visual, investigadora e produtora cultural ollamos como a través de proxectos (audio)visuais tamén pode ser (re)construída a memoria recente da Galiza e do Estado español mais non baseándose só nos rexistros oficiais senón botando man daquelas "outras imaxes", asegura Ruido, que decote son borradas ou silenciadas. 

Entrevistamos ao escritor e historiador arxentino Oswaldo Bayer

Con Oswaldo Bayes, anarquista escritor, historiador e xornalisa arxentina, conversamos sobre a súa traxectoria na loita a prol dos dereitos humanos e o coñecemento. Nunha extensa entrevista abordamos con el algunhas das súas obras e anacos da historia do seu país. 

Asemade, da man de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea facemos balance do proxecto Nomes, Voces e Lugares. Unha iniciativa botada a andar en parcería pola Consellaría de Cultura do bipartito e as tres universidades. Nomes e Voces --galardoado este ano co VIII do Día da Galiza Mártir pola súa contribución á recuperación da memoria-- foi afogado pola Xunta de Núñez Feijóo que o deixou sen financiamento desde 2009. 

Comentarios