Unha ollada AFondo para deconstruír o amor romántico

Sermos Galiza publica un caderno monográfico con motivo do Día de San Valentín mais, coidado, esta non é unha historia de amor. Podes mercalo xa na nosa loxa por 0,50€. 

Capa_A_fondo_SG84

Coordenado pola enfermeira e activista feminista, Alicia Ares Vilar, Sermos Galiza publica un caderno AFondo para analizarmos que hai de mito no amor romántico. Coincidindo co día d@s namorad@s, deconstruímos o imaxinario colectivo e social que (re)produce estereotipos, roles e preconceitos arredor do romanticismo. 

Da man da médica psiquiatra Iria Veiga, da transfeminista Patricia Khalevala, da creativa audiovisual, Sabela Iglesias, e da xornalista Ana Viqueira; ollamos o amor romántico desde múltiples perspectivas. Con esta focaxe panorámica tentaremos (de)construír as trampas do romanticismo que ao igual que o movemento artístico orixinado no séxulo XVIII, apunta Iria Veiga, dota o sentimento amoroso de "irracionalidade, incomunicabilidade e sentimentalismo" naturalizando, acrecenta, a idea de que esta definición do amor é "intrínseca ao sentimento amoroso, a única posíbel e universalizábel". Unha concepción forxada, aliás, nos marcos da heternormatividade excluíndo calquera outra forma de amar ou gozar.  

Iria Veiga, Alicia Ares, Patricia Khalevala, Ana Viqueira, Sabela Iglesias e a poeta Mercedes Leobalde asinan estas 8 páxinas 

Así é, que ao longo dos séculos --xa desde a Grecia clásica-- foise inoculando na sociedade a idea de procurar unha metade perdida que visa completar o noso propio ser. Unha media laranxa que se axustar ao pre-estabelecido, ao sistemicamente correcto. E como? A través dunha andamiaxe (publicidade, cinema, música, igrexa e estado) que transfire, de maneira case inconsciente, "historias alleas e idílicas", apunta Sabela Iglesias, coas que conformar ese imaxinario colectivo e social que ergue o amor romántico como "aquel que todo o pode", "eterno" e "irrevocábel". 

Eis un caderno para (re)pensar, debater, analisar e cuestionar. 

Faite con el na nosa loxa por 0,50€. 

Comentarios