Unha ollada AFondo aos montes veciñais: o futuro da terra común

Esta semana achegámonos aos montes veciñais en man común, un elemento diferencial do rural galego que nos identifica e nos diferencia como nación. Unha maneira sustentábel de nos relacionarmos como pobo coa terra mais que corre o risco de desaparecer.

Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidade de Montes é taxativo. "Existe o risco de que 250 mil hectáreas de monte veciñal sexan entregadas de balde a empresas privadas". Así de rotundo se amosa Pereira nunha extensa entrevista que poderás atopar no interior dun caderno de análise que se aproxima a un réxime de tenza da terra propio, útil e sustentábel, mais en perigo. 

As políticas liberais capitalistas están a ameazar os montes en man común. Até o momento, propiedade das comunidades e único recoñecemento legal das parroquias galegas. Porén, mudanzas lexislativas promovidas polo Partido Popular e as presións exercidas polas grandes empresas están a pór en risco a súa pervivencia. 

Nun caderno monográfico coordenado por Xan Colazo, comuneiro de Candeán, botamos unha ollada AFondo sobre o futuro da terra común. Unha peculiar forma de tenza da terra que partillamos c@s nos@s veciñ@s portugueses. Os baldíos que atopamos á outra beira do río teñen moito a ver cos montes en man común da Galiza. Da man de António Bica, consultor xurídico da Federação nacional de baldíos, debullamos polo miúdo a historia e o réxime xurídico que arrodea aos montes comunais portugueses, unha propiedade colectiva que coma na Galiza --antes da modificación da lei de montes-- nen é pública nen particular. 

Sobre os seus aproveitamentos agrarios e importancia ecolóxica fálanos Mar Pérez Fra e Xoán Carlos Morgade que, aliás, salientan a grande contribución dos montes en man común no desenvolvemento das áreas rurais desde unha perspectiva endóxena.

Comentarios