Unha ollada AFondo ao negocio da privatización de empresas públicas

Após trinta anos do inicio dos procesos de privatización que supuxeron a desaparición de importantes empresas públicas no Estado español abordamos os efectos económicos e sociais da súa venda. Foi un bo negocio? Para quen o foi? Dificulta a recuperación económica? Xa podes mercalo na nosa loxa. 

Capa_A_Fondo_SG80

Coordenado por Xabier P. Igrexas esta semana Sermos Galiza publica un caderno monográfico arredor do proceso de privatización de empresas públicas que comezou hai xa unha trintena de anos no Estado español. Un feito que ten moito a ver coa queda da produtividade que atinxe Galiza, nomeadamente, no sector industrial galego. 

Cales son as razóns que motivan estes procesos de desmantelamento empresarial en favor dos grandes grupos transnacionais? A que intereses responden? Que papel xoga a denominada 'porta xiratoria' na súa aplicación? Quen se lucra da venda de importantes empresas públicas? 

A estas preguntas respondemos no número do AFondo que acompaña ao semanario en papel e que visa deitar un pouco de luz sobre un fenómeno que comezou a comezos da década dos '80 e que tivo como protagonistas aos gobernos do Partido Popular e do PSOE. 

Así, da man da doutora e profesora de economía aplicada da USC Carmela Sánchez Carreira debullamos as consecuencias que tiveron as sucesivas vagas de privatizacións e afondamos no papel que, segundo a autora do libro A privatización da empresa pública española, repercusións na economía galega, coida que debe ter o sector público no presente escenario de esmorecemento produtivo. 

Carmela Sánchez Carreira, doutora en Economía Aplicada: "As privatizacións supuxeron para Galiza a perda dun 30% de emprego" 

De antemán avanza que "as privatizacións supuxeron para Galiza a perda dun 30% de emprego" e asegura que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo actúa "como observador" perante o desmantelamento do tecido empresarial e industrial galego cunha actitude que, di, deixa ver que "non hai unha estratexia industrial clara". 

Mais nen Galiza nen o Estado español son unha excepción na realidade económica da UE. O dirixente do PCP, Vasco Cardoso, analisa nunha dupla páxina as privatizacións en Portugal, un proceso acelerado durante os últimos anos por mor do Pacto de Agressão asinado coa Troika. No país veciño, sinala Cardoso, "unha das consecuencias das privatizacións foi a entrega de sectores estratéxicos ao grande capital". 

Xa podes mercar o Afondo na nosa loxa. 

Comentarios