Unha ollada AFondo ao deporte galego

Da man da Plataforma galega pro-oficialidade revisamos nun caderno monográfico a carreira de fondo do deporte galego e da loita pola representación d@s nos@s deportistas baixo a bandeira da súa selección nacional. Faite con el na nosa loxa. 

Capa_A_Fondo_SG86

Esta semana, Sermos Galiza publica un suplemento arredor do deporte galego. En colaboración coa Plataforma galega Pro-oficialidade botamos unha ollada AFondo á loita d@s nos@s deportistas a prol da oficialidade da selección galega, mais tamén, arredor dos logros conseguidos neste tempo, por exemplo, no fútbol gaélico, a única disciplina na que Galiza compite internacionalmente. 

Porén, desde as distintas federacións españolas traballan arreo para que isto non aconteza noutras variedades deportivas. Unha loita que Galiza partilla con outras nacións sen estado.  Neste senso, Martxel Toledo, coordenador da plataforma ESAIT (Euskal Herria) e Sergi Blázquez da Plataforma pro-seleccións deportivas catalás, achégannos a súa experiencia na loita a prol da oficialidade. 

Aliás, a atleta e integrante da Plataforma galega Pro-oficialidade, Xiana Guerra avalía as desigualdades de xénero no deporte e debrúzase sobre o deporte de base, unha forma de educar ás novas xeracións. E é que os dados de abandono da práctica físico-deportiva entre a xente moza (a partir dos 13 anos) son arrepiantes embora o deporte constituír unha ferramenta saudábel e favorecedora das relacións sociais. 

Neste número do Afondo tamén atoparás unha entrevista co triatleta, Antón Ruanova. Após anunciar que abandona o deporte profesional debido á falta de oportunidades e apoios, o número 97 do mundo é taxativo ao asegurar que non quere "representar a alguén que se está a aproveitar do noso esforzo e da nosa ilusión". 

Xa podes facerte con este caderno por só 0,50€ na nosa loxa. 

Comentarios