Olaia Davila respóndelle a Rajoy que non hai recuperación con “taxas históricas de paro”

Con “taxas históricas de paro e empobrecemento social” non se pode falar de recuperación, respondeulle a deputada do BNG no Congreso ao discurso de Mariano Rajoy. Cualificou o 2014 de “nefasto para as economías da xente”.

Olaia Fernández Davila
photo_camera Olaia Fernández Davila

“Enoxo”, di a deputada nacionalista en Madrid, Olalla Fernández Davila, que lle produciu o discurso de Rajoy de valoración do ano político e económico. Criticou desta maneira a deputada que o presidente fale de “revalorización das pensións cando a porcentaxe é tan ridícula, do 0,25%” ou que define como “aumento” do Salario Mínimo Interprofesionais polos 3 euros ao mes. 

Cualificou Fernández Davila o 2014 como “nefasto para as economías da xente” e lamentou que o presidente do Goberno falara na súa comparecencia de “recuperación económica cando continuamos en taxas de paro históricas e cando o empobrecemento social sigue en avance”. 

Con respecto ás políticas do Goberno Rajoy con respecto aos sectores estratéxicos galegos, Olaia F. Davila afirmou que era “inútil para Galiza” xa que  “fallou tamén ao sector naval galego, á pesca, á industria asentada na Galiza así como ao sector agro gandeiro ao que aínda non se lle resolveu o problema do baixo prezo en orixe”, ao tempo que criticou que non se resolvera a falla de carga de traballo para Navantia ou que non defende a frota galega de litoral.

Esixiu a deputada nacionalista “solucións políticas e de recoñecemento da pluralidade nacional do estado, así como de respecto democrático” e lamentou que Rajoy pasara de longo no tema da corrupción, como se non afectase ao seu partido.

Comentarios