O xuízo do Prestige: todas as chaves

Case dez anos despois da catástrofe, hoxe 16 de outubro comeza o macroxuízo polo accidente do petroleiro Prestige, que se converteu no maior desastre ecolóxico de Galiza e cuxo fuel alcanzou tamén as costas cantábricas até Francia. Explicamos as chaves do proceso xudicial máis longo e complexo da nosa historia.
Xuízo Prestige
photo_camera Xuízo Prestige

Ao longo dunha tortuosa instrución de dez anos, lastrada pola falta de medios técnicos e humanos no Xulgado de Corcubión, foron quedando atrás xuízas e xuíces e avogad@s nun maratón xudicial que entra agora na súa última etapa. Será un proceso con sete meses de vista oral, con 2.128 partes presentadas, 133 testemuñas, 98 persoas responsábeis das peritaxes, 51 avogad@s e 28 procurador@s.

Trátase, sen dúbida, do xuízo máis complexo da historia de Galiza e as expectativas non son moi altas por mor do conglomerado de sociedades cruzadas que fai “practicamente imposible”, segundo Pedro Trepat, avogado de Nunca Máis, conseguir indemnizacións polo dano causado, dado que algunhas “nin sequera se sabe quen son”.

Todas as partes asumen que non hai ningunha entidade “solvente” detrás que vaia facer fronte aos gastos que ocasionou o desastre, cifrados pola fiscalía nun mínimo de 1.000 millóns de euros. E ese é o maior problema do Prestige. En casos como o Erika ou no Golfo de México, había implicadas grandes petroleiras (Total e BP), que desde o primeiro momento colaboraron economicamente nas tarefas de limpeza para que a súa imaxe de marca non se vise moi prexudicada.

Quen son os acusados?

Os acusados nesta causa son o capitán do buque, Apóstolos Mangouras; o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos; e o primeiro oficial, Ireneo Maloto (filipino, en paradoiro descoñecido, non se agarda que compareza), por presuntos delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente, danos e desobediencia-resistencia.

O único acusado con responsabilidades políticas -grazas a unha querela interposta pola plataforma Nunca Máis- é o daquela director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, por suposto delito contra o medio ambiente e danos pola decisión de afastar o buque e non o levar a un porto de abrigo.

E os imputados?

Están imputados como responsables civís directos a aseguradora The London Steam-Ship Owners e o Fondo Internacional de Indemnización de Danos (FIDAC), pola contaminación por hidrocarburos; e como responsábeis civís subsidiarios, as navieiras Mare Shipping e Universe Maritime e o Estado español. A reclamación total por danos e prexuízos en materia de responsabilidade civil acada os 1.264 millóns de euros.

"Non hai ningunha entidade “solvente” detrás que vaia facer fronte aos gastos que ocasionou o desastre"

Cal é o papel do Estado español?

A Avogacía do estado exercerá, por unha banda, de acusación contra os tripulantes do petroleiro e a armadora; e, por outra, defenderá a López-Sors durante o xuízo.
O Estado español xa asumiu o 100% das responsabilidades económicas ao pagar as indemnizacións por danos ecolóxicos e civís. No xuízo asumirá a difícil tarefa de recuperar ese diñeiro.

A única empresa solvente en todo o conglomerado do Prestige é ABS, a clasificadora estadounidense que lle deu o visto e prace ao buque. No entanto, a Avogacía do estado decidiu presentar unha demanda en Nova York (e non no estado) por valor de 1.000 millóns de dólares contra esta empresa, que foi rexeitada polos tribunais. Con esa sentenza practicamente desapareceron as posibilidades de lograr unha reparación económica polos danos.

"Coa sentenza a favor de ABS en Nova York practicamente desapareceron as posibilidades de lograr unha reparación económica polos danos"

E da fiscalía?

Ao non estar imputada a clasificadora ABS, a fiscalía dirixe a súa reclamación ás empresas armadora e operadora, ambas as dúas gregas (Mare Shipping e Universe Maritime), así como á aseguradora do buque, a quen lles requirirá un mínimo de 1.000 millóns de euros polo dano global da catástrofe.

Cal é o papel de Nunca Máis no xuízo?

A plataforma está presente como acusación no xuízo e reclámalle ao único cargo público imputado, o ex director da Mariña Mercante José Luis López-Sors, cinco anos e un día de cadea. Para Mangouras reclama cinco anos e seis meses.

Comentarios