O vicepresidente da Deputación de Lugo acusa a Rajoy de dar un golpe de estado para roubar á cidanía

Antonio Veiga asegura que “todas as medidas anunciadas son un ataque directo contra os servizos públicos e o sector servizos”

O vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, denunciou que as medidas de recorte anunciadas polo presidente Mariano Rajoy “son un golpe de estado co que se criminaliza as e aos cidadáns e se deixa impunes aos auténticos causantes da crise económica e financieira que padece España”.

"Castígase á cidadanía e fican impunes os auténticos causantes da crise"

Veiga insiste en que “todas as medidas  son un ataque directo contra os servizos públicos, especialmente contra a educación e a sanidade, e o sector servizos. Ningunha das medidas anunciadas terá o efecto pretendido, xa que todas desincentivarán o consumo e provocarán o empobrecemento do groso da poboación. A suba do IVE e o recorte dos salarios dos funcionarios é un contrasenso; con menos diñeiro nos petos e cos produtos máis caros o consumo diminuirá, como xa ocorreu en 2010 co incremento do 16 ao 18 por cento.”

"Poñer en marcha políticas alleas á realidade"

Dende a vicepresidencia do ente provincial asegúrase que a batería de recortes anunciados polo presidente do executivo central “amosa a un Goberno desnortado que quere poñer en marcha políticas alleas á realidade. Para a maior parte das persoas desempregadas estar sen traballo non é unha elección, senón unha imposición; están no paro porque non atopan un posto de traballo e o Partido Popular, en lugar de por en marcha políticas de creación de emprego en sectores estratéxicos para o crecemento e a mellora da competitividade do país, opta por recortar a prestación por desemprego; medida que soamente servirá para incrementar a distancia entre os que teñen e os que non teñen un posto de traballo e para desincentivar aínda máis o consumo”.

Damnificados

“Unha vez máis – continúa Veiga- as e os cidadáns serán os grandes damnificados dun Goberno pouco valente que evita que os causantes da situación actual asuman as consecuencias da súa neglixente xestión. Así, os milleiros de galegos afectados polas preferentes seguen sen solucións e co rescate á banca parece aínda máis complicado que poidan recuperar os seus aforros, pero, sen embargo, a venda destes produtos tóxicos non tivo apenas consecuencias para os responsables da estafa”.