O VI Congreso da CIG decorrerá o 25 e 26 de maio de 2013

O Consello Confederal da CIG acordou convocar o VI Congreso para os días 25 e 26 de maio de 2013. Aprobou xa o Regulamento precongresual, onde se estabelecen os prazos do proceso de debate, número de congresistas e demais aspectos e fixou a data de celebración de asembleas comarcais –entre o 26 de maio e o 30 de xuño- para a renovación das executivas e a elección de secretarias e secretarios comarcais. Tamén se lle deu o visto bo á solicitude das federacións de Químicas e Metal para iniciar o proceso de unificación que dará na constitución dunha única federación de Industria, sen fixar prazo algún para a súa conclusión.

O Consello Confederal debateu sobre a situación política actual e estabeleceu as liñas de traballo da central sindical para o próximo período. Neste sentido, analizáronse as consecuencias das regresivas medidas que está a aplicar o Partido Popular, desde a reforma laboral, até os orzamentos ou as políticas económicas de recorte do gasto do gasto público. Concluíuse que son profundamente negativas e inxustas e que están a provocar a precarización das condicións de traballo e de vida da clase traballadora.

 Alén diso, o Consello considerou que se trata de medidas erróneas, que lonxe de favorecer unha saída á grave situación económica o que provocan é un afondamento maior da crise, afastando cada vez máis as perspectivas de saída da mesma.

Comentarios