O TSXG dá 20 días á Xunta para explicar por que continúa adiante coas consultas ás familias sobre o galego

A máxima instancia na Galiza admitiu a trámite o recurso presentado pola CIG-Ensino no que exixen o cumprimento das sentenzas que declaran ilegais as consultas ás familias sobre o uso do galego no ensino infantil

"Un acto de desobediencia á xustiza". Así consideran desde a CIG-Ensino a teimosía da Xunta de Galiza por manter as enquisas ás familias en relación coa lingua vehicular nas escolas infantís.

Após cinco sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en que exixe a derrogación do artigo 5.2 do decreto do plurilingüismo, a Consellaría de Educación mantén as consultas ás familias. 

Neste senso, a central nacionalista presentou a pasada semana un recurso perante o TSXG en que exixe a nulidade destas enquisas por contravir a sentenza do Tribunal e constituír un "acto de desobediencia" que mostra, din, "máis unha vez a galegofobia" do executivo de Núñez Feijóo. 

Após admitir a trámite o recurso presentado pola CIG, o TSXG dá 20 días á Xunta para que alegue o que estime procedente en relación con este "incidente" na execución da sentenza. No entanto, desde a central nacionalista agardan que a máxima instancia no país "dite unha resolución" que "poña fin" á "persecución do noso idioma" nas aulas de infantil.

Comentarios