O TSXG anula o Plano Sectorial de Barreiros e considera probado que a Xunta incorreu en "desviación de poder"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de ditar sentenza sobre o Plano Sectorial de Barreiros, ao estimar o recurso interposto por Adega contra o acordo do Goberno galego adoptado o 26 de Maio de 2011. Adega presentou a demanda ao aprezar "desviacion de poder" da Xunta. O TSGX vénlle dar a razón.

Barreiros
photo_camera Barreiros

No seu recurso perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, Adega vía "desviación de poder" no Goberno galego ao dar impulso ao Plano Sectorial de Barreiros, unha pelotada urbanística no concello da Mariña luguesa, co obxectivo de eludir a aplicación das disposicións da lei 9/2002 sobre disciplina urbanística. A asociación ecoloxista advertía que a Xunta se extralimitara das súas competencias ao declarar a supramunicipalidade do plano. Adega alegaba asemade que con este proxecto o Goberno Feijóo contraviña o artigo 5 10/95 de Ordenación do Territorio.

O TSXG estima todos e cada un dos argumentos aducidos por Adega.

A sentenza considera probado que o concello de Barreiros -con apenas algo máis de 3.000 habitantes- concedeu numerosas licenzas -algunhas fontes estímanas en máis de 5.000- para construír en terrenos que non estaban dotados cos servizos suficientes.

O Plano pretendía que o custo das obras de urbanización se cubrise con recursos públicos, beneficiando así aos promotores privados

En orixe o concello de Barreiros (PP) outorgou licenzas de edificación sobre solo urbano non consolidado -isto é, que carecía dos servizos necesarios-, sen antes ter obrigado aos promotores ás cesións de solo para infraestruturas, zonas verdes e vivendas sociais, e sen que tampouco os promotores tivesen acometido as obras de urbanización. Isto significa que lles perdou o desembolso de millóns de euros. O Plano Sectorial de Barreiros, anulado por esta sentenza, contemplaba que o custo desas obras, por valor de arredor de 14 millóns de euros, sería sufragado con recursos públicos.

O TSGX estima agora que a Xunta tencionou burlar a lexislación urbanística mediante a declaración de supramunicipalidade do plano, declaración que non se xustificaba neste caso ao tratarse dun proxecto que só afectaba a un concello -o de Barreiros (e mesmo nel, a só tres parroquias).

O Tribunal esclarece que a desviación de poder, na que tería incorrido a Xunta de Feijóo, se produce "tanto se a Administración persegue un fin privado alleo aos intereses xerais comos e o perseguido é un fin público distinto do previsto na norma habilitante".

Comentarios