O Tribunal Supremo confirma que a Xunta impuxo servizos mínimos abusivos na greve xeral de 2010

Unha sentenza dita que a consellería de Presidencia prexudicou o exercicio dun dereito fundamental na CRTVG, no Ensino e no transporte escolar

A sección sétima da sala contencioso-administrativa do Tribunal Supremo ratificou que a Xunta de Galicia vulnerou o dereito de folga fixando uns servizos mínimos excesivos con motivo da folga xeral do 29 de setembro do 2010. Deste xeito, o alto tribunal rexeita o recurso de casación da Administración autonómica e obrígaa a pagar 4.000 euros en concepto de costas .

Así, a Xustiza confirma que a consellería de Presidencia que dirixe o vicepresidente Alfonso Rueda -home de confianza de Feijóo- vulnerou o dereito fundamental á greve de forma especial na CRTVG, o Ensino e o transporte escolar. Aínda así, a folga xeral -convocada contra a primeira Reforma Laboral- foi secundada por centos de miles de persoas.

Sobre a CRTVG, o Tribunal Supremo afirma que “a Xunta non diferenciou entre servizos informativos e de emisión xeral, en contra do criterio do Tribunal Constitucional que considera que a emisión de programas gravados durante unha xornada de folga constitúe un dobre prexuízo para o traballador e un beneficio para o empregador,” pois o persoal, “por un lado, ve diminuída a presión que con tal medida pretende ao non se facer visible para a audiencia e, polo outro, soporta un dano económico”.  

A sentenza foi dada a coñecer por CC.OO, que considerou “lamentábel” a actuación da Xunta.

Comentarios