O documento revela a existencia dun fillo até agora descoñecido

Tres copias ante notario fixéronse do orixinal en galego do testamento de Pardo de Cela. O director do Instituto Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, ven de facer público o achado dun documento histórico que revela novos datos do Marechal, o máis singular, confirmar a existencia dun fillo.
Pardo de Cela
photo_camera Pardo de Cela

A descuberta do testamento de Pardo de Cela non revela novos datos que muden a súa historia mais supón en si mesma a aparición dun documento de grande relevancia na historia galega. O director do Instituto Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, ven de facer pública a súa aparición na Real chancillería de Valladolid, na que se atoparon tres exemplares, copias notariais do orixinal escrito en galego.

Poucos datos biográficos novos depara o documento. O máis chamativo, a existencia dun fillo até agora descoñecido que aparece co nome de Xoán Núñez Pardo e que se supón que morreu a curta idade.

Cambio de data do asasinato

“A vida do Marechal Pardo de Cela e o seu tráxico final, están desdebuxadas polo peso da atractiva lenda forxada ao longo dos séculos”, valorou o Pardo de Guevara, que situou o asasinato do Marechal o día 3 de outubro de 1483 e non na data que tradicionalmente se ten considerado de 17 de decembro. Falou Pardo de Guevara das “notables dificultades para separar o mito da realidade, así como os intensos debates que suscitan as causas e circunstancias que rodearon o triste final desta célebre figura histórica”.

No testamento sinálase que era vontade de Pardo de Cela ser enterrado en Mondoñedo para logo ser trasladado á igrexa de San Francisco de Viveiro, dato este que aínda está no debate da investigación histórica.

O 1 de febreiro o Instituto Padre Sarmiento organizará unha xornada para revisar a figura de Pardo de Cela, o que tamén se presentou no acto público no que se deu conta da aparición do testamento, no que participou tamén o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez.

Comentarios