O terrorismo machista mata outra muller en Ferrolterra

Son tres os asasinatos de mulleres que se rexistraron no que vai de ano nesta comarca, após achar esta sexta feira o corpo sen vida de Matilde H.B. no interior dun carro con tres feridas na cabeza e no pescozo causadas por unha arma de fogo. A súa parella suicidouse horas despois no domicilio que partillaban
photo_camera [Imaxe: GalizaContrainfo]


O terrorismo machista deixa máis un asasinato na Galiza. O corpo sen vida de Matilde H.B., de 42 anos e veciña de Fene, apareceu no interior dun carro estacionado nunha rúa de Ferrol.

Presentaba tres feridas na cabeza e no pescozo efectuadas polo disparo dunha arma de fogo manipulada pola súa parella, J.L.R., un home de 47 anos que se suicidou unhas horas máis tarde nun inmoble da súa propiedade usando a mesma pistola, para cuxo uso non tiña licenza. 

Fontes veciñais apuntaron a que a muller dedicira por punto e final á relación, após unha primeira tentativa de separación en que foi ditada unha orde de afastamento contra o home, en vigor entre 2006 e 2008. Despois destas datas, a parella, que tiña fill@s en común, retomara a convivencia.

Cinco mulleres asasinadas

As primeiras conclusións da investigación apuntan, xa que logo, cara un novo caso de violencia machista, o terceiro na comarca de Ferrolterra no que vai de ano e a quinta galega asasinada. 

En novembro, o corpo de Marisol L., de 63 anos, foi achado semicalcinado na vivenda en que vivía no lugar da Revolta, en Narón. O seu home, de 73 anos, apareceu aforcado no alpendre. A parella estaba en trámites de separación.

Uns meses antes, en xuño, o mesmo día en que entraba en vigor a orde de afastamento que xa lles fora comunicada ás partes, Iria G. recibiu unha coitelada no pescozo ao mediodía e en plena rúa, asestada polo seu compañeiro, detido ás poucas horas polo asasinato. Son catro as mulleres galegas asasinadas desde xaneiro: en marzo o marido matou dun disparo a Julia L., de 65 anos, en Vilardevós, e despois se suicidou; e en abril mataron a Juventina S., de 73 anos e que vivía emigrada en Madrid.

En Compostela, a Rede Feminista Galega chama toda a cidadanía a se concentrar este sábado na Porta do Camiño ás 20.00 horas, segundo a convocatoria permanente fixada para o día seguinte de se coñecer o caso de asasinato feminicida "para combater a normalización social da violencia que é exercida contra nós, e a normalización da nosa eliminación física".