Mulheres Nacionalistas Galegas súmanse á convocatoria da manifestación soberanista

Máis dunha ducia de organizacións clamarán polo dereito á plena soberanía nacional de Galiza nas rúas de Compostela.

Este domingo (3 de marzo) a capital de Galiza acollerá unha mobilización histórica. Por vez primeira, numerosas organizacións soberanistas chaman de xeito conxunto ao pobo galego a se mobilizar "polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega". BNG, CCPI, CIG, COG, Fruga, MpB, NÓS-UP, Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, e Liga estudantil galega lanzaron a pasada semana un chamamento "a cantas persoas e entidades acreditan na urxencia e importancia de artellarmos un espazo plural e partillado de acción política e loita social" a se aderiren á convocatoria e enfrontaren "o tempo de devastación social, cultural, política e económica" que devén, aseguran no seu manifesto, das políticas ultraliberais implementadas en Galiza polos "gobernos-títeres submisos aos intereses dos mercados capitalistas e dos especultadores".

Neste senso, Mulheres Nacionalistas Galegas sumábanse esta semana a través do seu portal web a esta convocatoria e chamaban ás mozas e mulleres do país a se uniren a elas nun apelo á razón emancipadora que advoga por un proceso constituínte e de ruptura democrática co sistema vixente. "Partimos da base de que a actual situaçom económica, política e social tem diferentes respostas organizadas a distintos níveis, mas todas elas confluem, na teoria, no desejo de construir umha sociedade mais justa", aseguraron nun comunicado feito público a pasada terza feira. 

Mentres, Anova  evitou pronunciarse até o momento a respeito das razóns que a levaron a non aderir esta mobilización -cousa que si fará unha das forzas integradas no seu seo, o MpB-, embora si participase nalgunha das reunións realizadas polas forzas soberanistas que chaman a esta convocatoria.

Comentarios