O servizo galego ferroviario de curta distancia, máis perto de ser realidade

A Comisión de Fomento aprobou a instancias do BNG novas dotacións orzamentarias para implantar este servizo e mesmo valida a creación dunha Xerencia de Cercanías na Galiza. A curta distancia  facilitaría a milleiros de persoas nas áreas metropolitanas un transporte público, axil e efectivo

A Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados aprobou a proposición non de lei do portavoz do BNG, Francisco Jorquera, que insta o Goberno a executar os estudos do Plan para a implantación dos servizos ferroviarios de proximidade na Galiza, que contou cunha dotación nos Orzamentos de 2011 e outra para este ano 2012. Ademáis, a proposición acordada e consensuada co grupo popular, insta o Ministerio a crear unha Xerencia de Cercanías en Galiza para que, en colaboración coa Xunta, estabeleza os obxectivos e compromisos tendentes á implantación da curta distancia. Por último, demanda que Fomento analice coa Xunta o aproveitamento e funcionalidade dos tramos ferroviarios e as estacións que fican fóra de servizo debido ao comezo do funcionamento das novas liñas de alta velocidade.

Jorquera puxo de manifesto as carencias existentes na rede interior: a duración da viaxe entre Lugo e Ourense é de hora e media están a 103 quilómetros de distanza. O mesmo acontece entre Ferrol e A Coruña.

Un servizo fundamental nas áreas metropolitanas

O deputado do BNG defendeu a necesidade deste servizos nas áreas urbanas galegas. De feito, puntualizou, “hai liñas actualmente catalogadas como rexionais que por prestar servizo en áreas metropolitanas como Ferrol-A Coruña, Vigo-Pontevedra ou Santiago-Vilagarcía, no futuro poderían ter a consideración de liñas de curta distancia”.

Mencionou a situación de A Coruña onde miles de persoas que residen noutros municipios da periferia se desprazan todos os días á cidade e á inversa. Unha circunstancia que provoca permanentes atascos nas vías de acceso e saída da cidade. “Resulta que existe unha liña ferroviaria entre Betanzos e A Coruña totalmente infrautilizada que pasa por Cambre, A Barcala e O Burgo, cunha importante poboación. “Unha liña que podería servir de soporte para un servizo de proximidade”.

Comentarios