A teleasistencia que o PP eliminou continuará grazas ao acordo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e concellos

A partida dedicada á teleasistencia desapareceu dos orzamentos xerais do 2013, mais o servizo continuará a desenvolverse en Lugo grazas ao convenio que a Vicepresidencia da Deputación asinou con concellos da provincia.
 
Antonio Veiga
photo_camera Antonio Veiga

A Vicepresidencia da Deputación asinou cos concellos da comarca centro de Lugo un convenio polo que continuará a desenvolverse un programa de Teleasistencia Domiciliaria que tomará á vez do que até agora funcionaba a través do IMSERSO. A Vicepresidencia de Lugo bota a andar esta iniciativa unha vez partida económica que o ministerio deSanidade, Servizos Sociais e Igualdade contemplada para a execución deste servizo foi eliminada nos orzamentos de 2013 defendidos polo goberno do PP.

849 persoas usuarias na comarca

O servizo está a ser utilizado por 849 persoas usuarias na comarca, en especial, segundo indicaron, mulleres que viven soas e con máis de 80 anos de idade. A teleasistencia permite que podan seguir nas súas casas e teñan un seguimento continuado de emerxencias todos os días do ano. A iniciativa será financiada á metade por parte da Vicepresidencia da Deputación e a outra metade polos concellos correspondentes en función do número de persoas usuarias. O orzamento total é de 336.000 euros anuais, aportando a Deputación 168.000.

O Vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga afirmou, no acto de sinatura do convenio cos concellos que “fronte a abdicación de responsabilidades do Goberno do Estado, que decidiu unilateralmente e ofrecendo xustificacións arbitrarias suprimir a súa aportación económica á Teleasistencia Domiciliaria, e da Xunta de Galiza, que non respostou á petición do pleno da corporación provincial na que se lle instaba a asumir a porcentaxe que o Executivo central se nega a aportar, Vicepresidencia da Deputación e concellos están dando exemplo de colaboración e responsabilidade en torno a un obxectivo que común de resposta ás necesidades dos lucenses, neste caso da comarca centro”. Veiga afirmou que é preciso, nun momento de crise como o actual, botar a andar políticas públicas con fórmulas novas e eficaces para manter os servizos.

Comentarios