O Salón do Libro Infantil e Xuvenil convida a ler "a toda máquina" en Pontevedra

Do 2 ao 23 de marzo o Salón do Libro Infantil e Xuvenil volverá converter Pontevedra en referencia da cultura para a xente nova. “A toda máquina” será o tema desta edición, na que se homenaxeará á escritora Marilar Aleixandre.
Salón do Libro
photo_camera Salón do Libro

Van xa catorce anos desde que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil botou a andar no Pazo da Cultura, organizado polo Concello de Pontevedra. Milleiros de persoas acoden en cada edición para partillar deste encontro cos libros para crianzas e mocidade, mais tamén para toda a creación cultural que se está a desenvolver destinada a públicos novos. Con fondos exclusivamente municipais, ten como obxectivo "fomentar a lectura en galego, a creatividade e a imaxinación de nenos e nenas".

Novidades editoriais, exposicións, contacontos, obradoiros, concertos ou teatrais compoñen o programa que gozan os centros de ensino de Pontevedra e comarca, e tamén os moitos visitantes que neses días se achegan á cidade, en especial ensinantes que descobren no Pazo as novas propostas da cultura para idades escolares. Fóra do Pazo, á outra beira do Lérez, a cidade “respira” o ar do Salón con rutas ou actividades de rúa que conveten Pontevedra no centro da creación artística e literaria para a xente miúda.

“O ano pasado apareceron polo Salón 25.000 persoas, máis da metade público infantil, e con especial presenza de ensinantes" di Anxos Riveiro

Mover o mundo con imaxinación

“Un poema era en realidade unha clase de máquina de producir/ un estado mental poético mediante o uso das palabras”. Os versos de Paul Valery son o pórtico desta décimo cuarta edición, dedicada ás máquinas. “A máquina que move o mundo, como artefacto que fai realidade todo o que imaxinemos” explican no anuncio dun programa, desenvolvido agora unicamente con fondos municipais e sen a colaboración da Xunta. “O ano pasado apareceron polo Salón 25.000 persoas, máis da metade público infantil, e con especial presenza de ensinantes, ademais do interese do mundo editorial, o que fai que sexa unha cita de referencia para o sector e tamén para o ensino” explica a concelleira responsábel da organización, Anxos Riveiro. Os centros de ensino serán protagonistas do Salón, en especial na programación organizada para eles nas mañás das xornadas lectivas. A derradeira semana o Pazo abrirase para o ensino secundario. Polas tardes e nas fins de semana, o público xeral poderá asistir ás diversas actividades de balde que se proxectan no programa. Dous centros terán especial relevancia, o convidado, que desta volta é da Coruña, e o centro integrado de F.P. da cidade, que leva xa tempo experimentando arredor das máquinas, o tema desta edición, e que ofrecerán os seus traballos no marco do Salón.

"O Salón confírmase como escaparate da cultura para crianzas"

A Banda de Música de Pontevedra, a Orquestra Filarmónica Cidade de Pontevedra ou o Seminario Permanente de Jazz son tres das entidades que participarán con actuacións especiais creadas para esta edición, para continuar na liña do Salón de integrar no seu programa a creación cultural da cidade. Malia isto, tamén teremos propostas que veñen confirmar o Salón como escaparate do que acontece na cultura máis nova, de Viravolta a Mofa e Befa. “A creatividade na cultura para o público infantil e xuvenil que se está a dar é moi grande e mantense con vitalidade”, responde Riveiro arredor da situación de crise que está a afectar de maneira especial ao sector cultura. “O inicio do Salón coincide co remate do ciclo de teatro Os Domingos do Principal, dirixido tamén ao públiico infantil, e comprobamos como cada semana o teatro esgota entradas nas súas dúas sesións con grande éxito”, explica Anxos Riveiro, confirmando unha afirmación que se aprecia tamén na produción das industrias culturais, das que o Salón será de novo un magnífico observatorio.

Homenaxe a Marilar Aleixandre

O momento máis solemne do Salón é, sen dúbida, a homenaxe que cada ano se lle fai a un escritor ou escritora da nosa literatura infantil e xuvenil. Desta volta, é Marilar Aleixandre a recoñecida con esta distinción, que centrará un acto que cada ano se repite no Pazo da Cultura. Autora dun feixe de libros para crianzas e mocidade, entre eles o recente A vaca canival, é autora, entre outras, de obras como A expedición do Pacífico, que lle valeu o Premio Merlín, O trasno de Alqueidón, que a fixo merecedora do Premio Rañolas, ou A banda sen futuro, libro co que recibiu o Premio Lazarillo.

Comentarios