O PSdeG pide facturas para ver se entre 1992 e 1998 Feijóo contratou co testaferro do narco Dorado

O PSdeG-PSOE non cre que o affaire Feijóo se reduza tan só a unhas fotografías. En expresión de Pachi Vázquez, "Unha relación estábel de 5 anos en iates e chalés, ten que dar máis de si". O PSdeG-PSOE solicita á Xunta que lle entregue as facturas de Sanidade e o Insalud entre 1992 e 1998 para comprobar se Feijóo, alto cargo, contratou coas empresas de Dorado, através do seu testaferro.

Manuel Cruz. Chófer de Romay Beccaría. Testaferro do narcotraficante. Algunhas fontes informan de que Cruz era titular, entre outros negocios, de varias gasolineiras. O PSdeG-PSOE quer saber agora se a Xunta lle comprou combustíbel para a calefacción dos hospitais públicos na época en que Feijóo presidía o Servicio Galego de Saúde ou o Insalud.

O secretario xeral do PSdeG xulga que existen indicios de que houbo algún tipo de relación contractual entre a Xunta e Dorado.

Nese mesmo sentido pronunciouse días atrás Compromiso por Galicia.

Mentres, portavoces do PP enfatizan que Feijóo mantén a súa axenda habitual, sen se resentir polo escándalo. Mais o que é certo é que hoxe non estará na esperadísima Xunta Directiva Nacional que realiza o Partido Popular no Estado. Nela pronunciará Rajoy un discurso, sen se expor ás perguntas dos xornalistas. Non terá así ocasión de respaldar Feijóo.

Comentarios