O preso galego Suso Cela Seoane fica libre após 23 anos na cadea

Condenado por pertenza ao Grapo, aplicóuselle a Doutrina Parot que o tivo case seis anos máis no cárcere dos que lle correspondían. En 1990 foi vítima dunha operación de guerra sucia por parte da Guardia Civil

O preso galego Suso Cela Seoane abandonou esta sexta feira o cárcere após 23 anos encerrado baixo a acusación de “pertenza a banda armada” pola súa militancia no Grapo. Natural da provincia de Ourense, Cela Seoane -que viaxou directamente a A Coruña, onde reside a súa familia- debería ter saído en liberdade hai seis anos, en 2007, mais a aplicación da chamada Doutrina Parot -fórmula represiva que eterniza as penas “de terrorismo” e está sendo discutida a nivel europeo- obrigouno a cumprir castigo máis tempo do estipulado. 

Suso Cela entrou na cadea en outubro de 1990, apenas seis meses despois de ser liberado logo dunha estadía anterior de cinco anos que abandonou en plena folga de fame -levaba 53 días- en protesta pola política de dispersión aplicada polos gobernos do PSOE.

En 1990, mentres estaba en liberdade, foi detido e, segundo a súa testemuña, “secuestrado e torturado por un comando da Guardia Civil, do chamado Gal Verde, que intentaron que lles facilitara información sobre o Grapo”. O caso chegou a mans do xuíz Baltasar Garzón, que tras negar as torturas denunciadas -como sempre foi o seu costume-  imputou o ex ministro José Luis Corcuera e o ex director da Guardia Civil Luis Roldán, símbolo da corrupción na etapa de Felipe González. O caso quedou arquivado por ter prescrito, se ben a propia Audiencia recoñeceu no auto que se trataba dun delito. 

Comentarios