O presidente da Xunta, partidario de “experimentar” na sanidade “con instrumentos da xestión privada”

Núñez Feijóo considera que a xestión sanitaria “adoece de rixideces propias dunha oficina administrativa”
Quirófano
photo_camera Quirófano

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a xestión sanitaria adoece “dunhas rixideces propias dunha oficina administrativa” polo que defendeu que se poida “experimentar”, segundo as súas propias palabras, con “instrumentos de xestión privada que teñen acreditada a súa credibilidade e a súa aptitude”. Iso si, Feijóo afirmou que esas “experiencias” non se realizarían no “núcleo duro” da Sanidade.

“Hai instrumentos de xestión privada que teñen acreditada a súa credibilidade e a súa aptitude”

Preguntado nos almorzos informativos de Europa Press se en Galiza está a se considerar o fomento do sector privado na sanidade, o presidente da Xunta fixo unha diferenciación entre o que cualificou de “núcleo duro” sanitario e o resto. No primeiro, no que entraría a administración médica en apartados como o bloque quirúrxico ou as probas diagnósticas, amosouse partidario de que se “poidan facer con instrumentos de xestión pública”.

Pola súa parte, considera que “se poida experimentar con outros instrumentos” noutros ámbitos da sanidade pois na actualidade, apuntou, a xestión ten “unhas rixideces propias dunha oficina administrativa e impropias dunha organización complexa como é un hospital".

“Na miña opinión non hai xestión privada ou xestión pública, hai xestión ben feita e mal feita”, concluíu, á vez que engadía que hai “determinadas cuestións que se poden facer perfectamente externalizando” sempre que haxa "seguimento, control e calidade”.

Recortes

Segundo denunciou a oposición a finais do pasado mes de abril, os orzamentos dos tres anos de mandato de Núñez Feijóo en Galiza apuntan un recorte de 900 millóns de euros en sanidade e educación, o que significa unha redución de 300 euros por habitante. 

Comentarios