O PP, obrigado a explicar os criterios cos que subvenciona aos medios

O BNG presentará esta terza feira unha proposición non de lei para que se cambien as formulacións coas que a Xunta concede axudas a medios e pedirá que se valore o uso do galego. Namentres, seguen as subvencións a dedo.    

 

Feijóo, na compaña da secretaria e o director xerais de Medios, Mar Sánchez e Lucas Martinón
photo_camera Feijóo, na compaña da secretaria e o director xerais de Medios, Mar Sánchez e Lucas Martinón

A Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior que se realizará esta terza feira no Parlamento galego será o escenario no que o PP terá que explicar as razóns polas que decide os criterios cos que outorga importantes axudas públicas aos medios de comunicación, un práctica que leva lustros rodeada de polémica. Unha iniciativa das deputadas do BNG Montse Prado e Ana Pontón obrigará a que argumenten os parámetros que seguen nos procesos públicos, que o grupo nacionalista proporá cambiar, buscando un maior apoio á lingua galega, na actualidade case inexistente por parte da administración autonómica.

Dende o regreso do PP á Xunta ten descendido enormemente o apoio institucional aos medios en galego, mentres se premia á prensa máis afín ao goberno.

O BNG remítese á última convocatoria da Secretaría Xeral de Medios, “que se fai para conceder axudas públicas en base a criterios de mercado, aumentando a valoración outorgada á difusión de exemplares e non a criterios de promoción e impulso de medios públicos galegos e en galego. Tampouco estabelece ningún criterio de valoración vinculado co respecto e mellora das condicións laborais d@s traballadores e traballadoras. A orde non só non rectifica convocatorias anteriores, que vulneraban o mandato estatutario de defensa e promoción da lingua galega e primaban aos grandes medios, senón que afonda nos mesmos”, afirman as deputadas do Bloque, que piden que se inclúa o uso do idioma propio e a seguridade laboral como parámetros para as axudas, así como que se aumente “a dotación vinculada ao uso do galego”.

Dende o regreso do PP á Xunta ten descendido enormemente o apoio institucional aos medios en galego, mentres se premia á prensa máis afín ao goberno. E non só nas axudas con publicidade senón tamén nas moitas que concede a dedo por medio de convenios. Mesmo por un case inexistente utilización da lingua do país, como ocorreu cos 184.000 euros que a principios deste mes entregou a consellaría de Educación a La Región e La Voz de Galicia, “para potenciar o uso do galego”, que apenas existe en ambos diarios.

Comentarios