O PP, embora estar en queda libre, continuaría a ser primeira forza, segundo o último traballo do CIS

A última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) dá conta de que o bipartidismo español está en crise. O PP apenas tería nestes momentos o 35 por cento dos sufraxios. Está en queda libre. Mesmo así mantería unha sólida vantaxe, cuase 5 pontos, a respeito do PSOE. O BNG subiría moi levemente verbo das xerais.

O CIS fixo público hoxe o seu último traballo, realizado antes do estourido do caso Bárcenas, en concreto entre os días 4 e 14 de Xaneiro.

As noticias son pésimas para o PP, tantas que en intención directa de voto apenas chega ao 15,8 por cento do voto, un rexistro inaudito para unha formación que ten o goberno e que ademais dispón dunha amplísima maioría absoluta na cámara. En intención directa o PP xa estaría por detrás do PSOE (17 por cento).

En troca, unha vez pasados os dados pola cociña, o CIS estima un voto final para o PP do 35 por cento face o 30,3 do PSOE.

IU e UPyD continúan a súa escalada e tiran proveito da crise bipartidista. A coalición liderada por Cayo Lara tocaría o patamar do 9,4 por cento, mentres que a formación de Rosa Díez chegaría ao 6,8 por cento. En ambos casos a progresión a respeito das xerais de Novembro de 2011 é evidente (nesa ocasión obtiveron o 6,92 e o 4,69 por cento, respectivamente).

A intención directa do BNG é o 0,3 por cento. O CIS estima un voto final para o BNG do 0,8 por cento, lixeiramente superior ao obtido pola formación nacionalista galegas nas últimas xerais, cando revalidou as dúas actas coas que conta no Congreso dos Deputados ao atinxir un 0,75 por cento.

En voto final, o CIS prognostica un 2 por cento para ERC, 1,3 por cento para PNV e un 2 por cento para ERC.

Comentarios